Un ataque informático ao servidor paralizou o funcionamento do Concello de Sanxenxo (Pontevedra), segundo informou o propio goberno municipal.
Nun comunicado, explica que foi na mañá deste luns cando se tivo coñecemento da entrada na rede municipal dun “malware“, termo que designa un tipo de software furtivo, cuxo propósito é danar o mecanismo no que se infiltra paralizando os equipos municipais do Concello.
Debido a este feito, produciuse unha encriptación masiva de documentos da administración local. Unha vez realizado o ataque, os operarios do Concello non podían acceder a miles de arquivos.
Tras o dano, foi demandado un pago de 5.000 dólares en bitcoins, a modo de “rescate”. O Concello non accedeu ao desembolso de diñeiro e interpuxo denuncia ante a Garda Civil.
Para solucionar os efectos do virus, os servizos técnicos e de seguridade recorreron á copia de seguridade que cada día replica o sistema informático do Concello.
As empresas municipais Nauta e Turismo de Sanxenxo non foron afectadas polo virus, xa que dispoñen dunha rede diferente ás do Concello. A sede electrónica funcionou tamén con normalidade.

