martes, octubre 21, 2025
InicioNewsComarcasO Porriño aproba os novos pregos do SAF cun incremento do prezo...

O Porriño aproba os novos pregos do SAF cun incremento do prezo por hora e melloras laborais

O Concello do Porriño celebrou hoxe un pleno extraordinario cun  único punto na orde do día: a aprobación do expediente, o gasto e os pregos para a licitación do novo  contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A proposta, presentada polo concelleiro de Contratación,  Carlos Martínez, «supón un importante paso adiante na mellora deste servizo esencial», segundo indican desde a administración local.

O novo contrato, que substituirá o actual ao seu remate e entrará en vigor en xaneiro de 2026, terá unha  duración inicial de dous anos, cunha posible prórroga dun máis, e sae a licitación por un importe total de 2.826.777,60 euros. O número de persoas beneficiarias do SAF municipal ascende hoxe a 137, 10 na  modalidade básica e 127 na de dependencia. Ata o 30 de setembro deste ano prestáronse máis de 44.000 horas de atención, 2.059 na modalidade básica e 42.319 en dependencia. Actualmente o servizo conta con 63 traballadores, 60 auxiliares de axuda a domicilio, dous coordinadores e unha auxiliar  administrativa.  

“Con estes novos pregos damos resposta ás demandas das traballadoras e melloramos o servizo, tanto desde o punto de vista cualitativo como cuantitativo. Apostamos por reforzar a súa seguridade no posto de traballo e tamén recoñecemos o seu labor cun incremento do prezo/hora”, sinalou o alcalde Alejandro  Lorenzo, quen tamén quixo agradecer «a implicación e compromiso de todas as persoas que forman parte do SAF e do departamento de Servizos Sociais».

Melloras laborais

Na exposición do punto, o concelleiro de Contratación, Carlos Martínez destacou que os novos pregos técnicos recollen as achegas feitas pola representación sindical, «integrando propostas para garantir unha  mellora real das condicións laborais». Un dos cambios máis significativos é que os «medios materiais, antes considerados como melloras optativas, pasan agora a ser de obrigado cumprimento para a empresa  adxudicataria. Isto inclúe a dotación de roupa de traballo e axudas técnicas como camas hospitalarias,  grúas, cadeiras de ducha ou andadores».

Neste apartado, tamén se mencionou o local de referencia, que será a sede da base operativa do programa e que en todo caso deberá estar situado no Concello do Porriño e unha aplicación informática para a xestión e o intercambio habitual da información do servizo co departamento municipal  responsable.  

Tamén neste sentido, os pregos indican que a empresa adxudicataria deberá efectuar unha avaliación completa dos riscos laborais que afectan ás persoas traballadoras no desenvolvemento das súas tarefas, a cal deberá levarse a cabo por parte dun técnico debidamente cualificado en prevención de riscos laborais.  

Incremento do prezo por hora

No apartado económico, os novos pregos supoñen un incremento do 16% nos prezos unitarios por hora, fixando as tarifas en 26,17 €/h para a modalidade básica e 24,74 €/h para a modalidade de dependencia. Tamén se modificaron os criterios de selección e valoración de ofertas presentadas, antes establecíase un máximo de 150 puntos, repartidos en 50 para criterios que dependen de xuízo de valor e 100 puntos para  criterios económicos. Agora establécese un máximo de 100 puntos, repartidos en 40 e 60, respectivamente.

Desde o Concello do Porriño, indican que «cómpre destacar, neste senso, a valoración de protocolos de actuación, con especial mención aos protocolos de riscos laborais ante temas como axentes biolóxicos, infecciosos e ante situacións de emerxencias e agresións en domicilios«.

Por último, desde o Concello do Porriño sinalan que a modificación da Ordenanza municipal reguladora  do SAF levarase a cabo tendo en contra o contido dos novos pregos e á espera da aprobación definitiva do protocolo de seguridade elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), que xa conta co visto bo da Xunta de Galicia e foi remitido á Federación Galega de Municipios e Provincias  (FEGAMP). 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS