O Concello de Mos, en colaboración coa Xunta de Galicia e financiado con cargo aos fondos públicos recibidos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, lanzará durante os próximos meses un novo ciclo de Accións Formativas para Desempregados (AFD) co obxectivo de mellorar a empregabilidade, cualificar profesionalmente á poboación desempregada do municipio e facilitar a súa inserción laboral.
O programa contemplará 15 prazas totalmente gratuítas en cada unha das modalidades que serán: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, habilitación para a docendia en graos A, B e C do sistema de formación profesional e xestión comercial de vendas.
As accións impartiranse en modalidade presencial, incluíndo carga horaria práctica en empresas como parte esencial da aprendizaxe. Poderán participar prioritariamente persoas desempregadas e inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego. O proceso de información e inscrición realizarase a través da Axencia de Colocación de Mos, previa verificación dos requisitos de acceso establecidos para cada acción formativa.
En paralelo, o Concello de Mos, a través da súa Axencia de Colocación, está a desenvolver os cursos de capacitación dixital incluídos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiados con fondos Next Generation EU.
Estas accións formativas, de carácter totalmente gratuíto e cunha duración de 30 horas, teñen como finalidade mellorar as competencias dixitais da poboación, ofrecendo oportunidades de aprendizaxe nas ferramentas tecnolóxicas necesarias hoxe en día.
O 13 de outubro empeza un novo curso (de nivel baixo-medio) e dura ata o 24 de outubro, cun horario de 9:30 a 12:30. As inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico a empleo@concellomos.es ou chamando ao 986 48 77 86.