HomeNewsActualidadeO Porriño inaugura este luns a mostra "Mulleres que fan camiño" cun...

O Porriño inaugura este luns a mostra “Mulleres que fan camiño” cun obradoiro sobre referentes

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) continúa o percorrido do proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” cunha nova parada no Porriño, onde a exposición itinerante permanecerá instalada entre o luns 19 e o venres 23 de outubro.

A inauguración oficial terá lugar o luns 19 ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Concello do Porriño, nun acto aberto ao que FEMUPO convida a participar a toda a cidadanía e no que se inclúe un obradoiro sobre mulleres referentes.

O encontro servirá así para presentar o proxecto e achegar ao público as historias das mulleres, colectivos e entidades recoñecidas ao longo das distintas edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, convertendo as súas traxectorias en referentes próximos capaces de inspirar a outras persoas.

“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” é unha experiencia cultural, educativa e social itinerante que conecta igualdade, territorio e valores do Camiño de Santiago. O proxecto percorre diferentes concellos vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, combinando exposicións, obradoiros e actividades participativas arredor dos referentes femininos, a igualdade, a participación cidadá e o coidado do territorio.

Programación da fin de semana

O Porriño contará ademais esta fin de semana cunha programación que combinará actividades de lecer, música e solidariedade, con propostas para diferentes públicos tanto no centro urbano como nas parroquias.

A primeira cita será o sábado 17 de outubro, ás 17.00 horas, coa exhibición de scalextric organizada polo Slot Club Porriño na praza Arquitecto Antonio Palacios. A actividade permitirá achegar esta afección ao público e gozar dunha demostración de coches en miniatura sobre circuítos de competición.

A música tomará o relevo ese mesmo día ás 19.30 horas na praza do Cristo, onde a Coral Polifónica San Blas de Budiño celebrará o seu XXII aniversario cun concerto no que participarán distintas agrupacións corais. Xunto á coral anfitrioa, acompañada polo pianista Cándido Cabaleiro, actuarán a Coral San Telmo de Tui e a Coral Polifónica de Coimbra. A cita, organizada pola Coral Polifónica San Blas de Budiño coa colaboración do Concello do Porriño, converterá a praza nun espazo de encontro arredor da música coral.

A xornada do sábado pecharase cunha proposta solidaria. Ás 21.00 horas, o Centro Cultural e Recreativo do Porriño, O Círculo, acollerá o III Bingo Solidario a favor de AVEMPO, a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra. Toda a recadación destinarase a apoiar as persoas con esclerose múltiple e a manter os servizos básicos que presta a entidade. A iniciativa contará con premios e sorpresas para as persoas asistentes e está impulsada por Morea-Acipor, coa colaboración do Círculo, que cede o espazo, e das empresas e establecementos que contribúen á súa celebración.

A programación continuará o domingo 18 de outubro en Atios, co Festival de Corais organizado pola Asociación Cultural Os Penediños, coa colaboración do Concello do Porriño e da Deputación de Pontevedra. O encontro comezará ás 18.30 horas no Centro Cultural de Atios e contará coa participación da Coral Polifónica O Son dos Cantares, de Mos; a Coral Polifónica de Arbo; e a Coral Polifónica Os Penediños, de Atios.

O festival ofrecerá unha nova oportunidade para desfrutar da música coral e do traballo das agrupacións que manteñen viva esta tradición musical. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS