jueves, agosto 28, 2025
InicioNewsRueda anuncia a apertura de 16 oficinas en toda Galicia para atender...

Rueda anuncia a apertura de 16 oficinas en toda Galicia para atender ás persoas afectadas polos incendios

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe no acto de finalización da primeira fase das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, unha actuación que supuxo un investimento de preto de 3,8 millóns de euros: “Hai que dar servizos e facer a vida un pouco máis sinxela. E este tipo de obras, esta estrada, sen dúbida o fai”, sinalou Rueda.

No marco da súa intervención, Rueda anunciou a posta en marcha de 16 oficinas en toda Galicia para prestar atención directa ás persoas afectadas polos incendios forestais. Estes espazos ofrecerán asesoramento aos veciños e entidades que o precisen da man de técnicos da Xunta para axilizar a tramitación das axudas e para ofrecer a información precisa sobre a situación actual: “Rapidez en sacalas e rapidez en concedelas, e que a xente teña os cartos que necesita canto antes”, remarcou o presidente.

Onde se ubicarán as oficinas?

Dez desas oficinas estarán na provincia de Ourense (Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e en Vilamartín de Valdeorras, esta última nunha oficina agraria móbil), dúas nas localidades coruñesas de Melide e Ponteceso, outra en Quiroga (Lugo) e tamén en Lalín e O Porriño (Pontevedra). 

O presidente lembrou que a comarca do Courel xa fora zona cero dos lumes en 2022, cando a Xunta activou medidas transversais de apoio aos afectados que contribuíron á recuperación da contorna, e asegurou que ese mesmo efecto derivará das axudas que se aprobarán este venres no Consello da Xunta extraordinario que se celebrará en Ourense: “Fomos eficaces e agora temos que facer o mesmo. Facemos todo o necesario para que a partir do sábado xa se poidan pedir as axudas e as poidamos pagar canto antes”, salientou o presidente.

Chamamento contra os incendiarios

Rueda fixo un novo chamamento contra os incendiarios, subliñando que só no mes de agosto houbo en Galicia 12 detidos e 12 investigados. Reiterou a colaboración plena da Xunta coas forzas da seguridade e co sistema xudicial para levar aos responsables fronte á xustiza, incluíndo o labor da unidade de investigación de incendios forestais (UIFO) da Consellería de Medio Rural.

No referido ás melloras na estrada, o titular da Xunta destacou a finalización da primeira fase da intervención da LU-651, que xa está en servizo a falta de pequenos remates, e que permitiu ampliar a plataforma da estrada, rectificar curvas perigosas e dotar a vía de novas cunetas, entre outras actuacións. Enmarcou esta intervención na aposta da Xunta por «garantir a mellora e a seguridade das infraestruturas viarias, que este ano dispón dun orzamento de 265 millóns de euros». Apuntou Rueda que «voume coa sensación de que cumprimos os deberes e de que aínda queda moito por facer».

Melloras no Courel

Avanzou, tamén, que xa se traballa na seguinte fase do proxecto de mellora da LU-651. Ademais xa está redactado o proxecto de trazado para a construción dun aparcadoiro no inicio da travesía de Seoane do Courel. Por outra parte, a Xunta conta xa cun proxecto aprobado a restitución do tramo afundido polo colapso dunha mina, prevéndose licitar a finais de 2025 ou comezos de 2026 cun orzamento de máis de 5 millóns de euros.

O presidente concluíu sinalando que cada investimento no rural é tamén un investimento no futuro de Galicia, e insistiu na importancia de garantir que «todos os galegos conten coas mesmas oportunidades e coas mellores conexións posibles, vivan onde vivan«.

“Isto é unha aposta por que toda a xente que quere vivir no rural poida facelo con todas as comodidades que lle poidamos dar. Esta é unha boa mostra, e é só o principio”, rematou Rueda.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS