O Concello de Baiona organiza un «roteiro máxico» da man do astrónomo Chema Lamas, pertencente á Asociación Española para o ensino da Astronomía, e que permitirá coñecer de maneira didáctica e amena aspectos relacionados coa astronomía así como recibir os mellores consellos para visualizar a maior choiva de estrelas do verán. O roteiro terá lugar esta noite, luns 11 de agosto.
A pesar da presenza das estrelas fugaces desde xullo, é por San Lorenzo cando o firmamento se mostra máis propicio para a observación dos meteoros, dando lugar ás Bágoas de San Lourenzo, tamén coñecidas como Perseidas.
O punto de encontro para este roteiro cultural “Entre Lusco e Fusco”, terá lugar no Paseo de Monte do Boi ás 23 horas, concretamente á altura da Torre do Príncipe. Dende o goberno local aconsellan aos participantes traer algunha peza de abrigo.
As prazas son limitadas, polo que é preciso inscrición previa na Casa da Navegación de Baiona, a través do teléfono 986356688 ou do correo electrónico casa.navegacion@baiona.gal.