O goberno municipal do Concello de Ourense, lideado polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome, lamenta que “a execución das obras da Variante Norte da cidade, que está a levar a cabo o Goberno central mingüen considerablemente as condicións de uso das termas do río Miño”. Así o asegura a administración local nun comunicado no que, ademais, indica que “impiden o acceso desde a Nacional 120 e inutilizan a zona de aparcadoiro que dá servizo ás instacións termais“.
Neste contexto, o Concello de Ourense apunta que “isto ten como consecuencia que as persoas que desexen achegarse ás termas teñan que aparcar na outra marxe do Miño e cruzar despois o río a través da pasarela de Outariz”.
Así, o goberno de Pérez Jácome insta ao Goberno central a que “inicie canto antes a execución das obras de demolición do edificio inacabado do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Quintela para que o Concello poida empregar os terreos que ocupa para acondicionar un novo aparcamento que dea servizo á zona termal”.

