O evento terá lugar o domingo día 3 a partir das 17:00h na Praza do Consistorio
O Concello de Arbo organiza, o vindeiro domingo día 3 de novembro, a novena edición do seu Magosto Popular, que dará comezo ás 17:00h na Praza do Concello.
«Esperamos unha gran asistencia por parte dos veciños e veciñas de Arbo, así como de moitos visitantes doutros municipios», aseguran dende o concello.
O evento terá como grandes protagonistas ás castañas asadas e os chourizos, que o Concello ofrece de forma gratuíta. Ademais, a xornada estará amenizada con música tradicional galega ofrecida por grupos folclóricos de Arbo.
Segundo asegura o alcalde de Arbo, Horario Gil, «esta festa tradicional está a ser un evento moi concorrido no que tanto veciños e veciñas como visitantes poden gozar do manxar típico do outono e tamén dun ambiente moi agradable».
A pasada edición, informan dende o Concello, «foron un total de 40 quilos de chourizos e 80 quilos de castañas as que se asaron de forma tradicional».