O Concello de Ponteareas reprogramou oficialmente as actividades de San Miguel que foron suspendidas por motivos de seguridade ante a alerta amarela por choiva e fortes ventos emitida pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). O tradicional lanzamento dos Globos de San Miguel terá lugar finalmente este domingo, día 11 de outubro, ás 13:00 horas.
“Trátase dunha tradición histórica e comunitaria moi arraigada na vila, onde o ceo ponteareán tíñese de cor grazas a estes enxeños voadores”, aseguran dende o goberno local. Co paso dos anos, este espectáculo converteuse nun “auténtico orgullo local” que simboliza a unión dos veciños a través do traballo conxunto e o relevo xeracional. ·O que fai verdadeiramente especiais aos Globos de San Miguel é o seu delicado e minucioso proceso de fabricación”, pois “cada peza está confeccionada completamente a man por mestres artesáns e veciños da vila empregando finas follas de papel de seda de múltiples cores”. “Ademais”, destacan, “lonxe de ser deseños simples, cada ano elévanse espectaculares modelos xeométricos de gran formato que esixen un relevo xeracional constante, o cal se fomenta desde o Concello a través de obradoiros previos para que os máis novos manteñan viva esta arte”.
Programación completa
Ademais deste histórico espectáculo que se traslada á fin de semana, o goberno local confirmou o calendario completo para recuperar o resto de actividades que foran aprazadas polo temporal. Deste xeito, a programación reactivarase este venres 9 de outubro a partir das 21:30 horas coa verbena que correrá a cargo da Orquestra Miramar na Praza Maior.
Así mesmo, as citas festivas pecharanse o venres 16 de outubro cunha dobre proposta que comezará ás 17:00 horas diante do concello cos obradoiros infantís para os máis pequenos e rematará ás 21:30 horas coa gran actuación musical da Orquestra Capitol na Praza Maior.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou o esforzo por salvar o resto da programación festiva, destacando que “dende o primeiro momento traballamos coa prioridade absoluta de recuperar o resto de actividades para que os nosos veciños, veciñas e visitantes non perdesen a oportunidade de desfrutar das festas de xeito seguro. Agora “queda cumprido o
obxectivo de garantir que ningunha das citas programadas quedase no esquecemento polo temporal”, engadiu González.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, sinalou que “non íamos quedar sen celebrar unha das actividades máis bonitas das nosas festas e unha das nosas tradicións máis antigas, como é o lanzamento dos Globos de San Miguel”. “É un orgullo ver como ano tras ano mantemos vivo este legado cultural tan noso, co obxectivo de que o noso ceo brille coa maxia do papel de seda”.

