O Concello de Salceda de Caselas está a ultimar os trámites para alugarlle á asociación DOA Saúde Mental a vivenda municipal dispoñible na rúa Arxentina que durante anos acolleu o servizo de logopedia e pedagoxía. O obxectivo é impulsar alternativas residenciais comunitarias destinadas a persoas con problemas de saúde mental.
A alcaldesa do municipio, Loli Castiñeira; e Selene González, concelleira de benestar social, visitaron a vivenda xunto coas persoas representantes de DOA para repasar os últimos detalles que permitan poñer en funcionamento este novo recurso nas vindeiras semanas.
A alcaldesa, Loli Castiñera, e a presidenta da asociación, María José Aldao, coincidiron en destacar que “a vivenda é un dereito fundamental e unha ferramenta esencial para a recuperación. Nun momento tan complexo en todo o que a vivenda se refire, que estas persoas teñan un lugar estable e digno onde desenvolver un proxecto de vida é fundamental para falar de integración comunitaria, autonomía ou loita contra o estigma”.
Ainiciativa inscríbese nun modelo de atención comunitaria que procura favorecer a autonomía, a inclusión social e a participación activa das persoas na súa contorna
DOA ten dende fai 25 anos unha vivenda tutelada en Salceda de Caselas, anos nos que as persoas usuarias se converteron en veciñas integradas no municipio. Con este alugueiro social “nace unha nova oportunidade residencial”, neste caso para cinco homes con problemas de saúde mental, que serán derivados polo SERGAS. Esta oportunidade suporá “unha mellora na súa calidade de vida ao facilitar recursos de apoio e integración no propio municipio, contribuíndo a aliviar a carga das familias, a fortalecer as redes de apoio mútuo e a construír unha sociedade máis inclusiva, comprensiva e cohesionada”, aseguran dende o goberno local.

