O Concello do Porriño amosou o seu “rexeitamento total” ao trazado aéreo da nova liña eléctrica de alta tensión a 220 kV “Atios-Pazos de Borbén”, promovida por Red Eléctrica de España O alcalde, Alejandro Lorenzo, en representación da administración local, presentou un escrito de alegacións ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria no que solicita a “paralización da autorización previa” e esixe o “soterramento integral do tramo de 1,89 quilómetros que discorre polo termo municipal”.
Segundo recolle o documento municipal, a solución técnica actual “resulta discriminatoria e incoherente xa que contempla que a totalidade da liña ao seu paso polo Porriño (entre os apoios T-50 Bis e T-7N) discorra por vía aérea afectando a parcelas de Santa María do Porriño e Cans”, mentres que nos municipios veciños de Mos e Vigo o proxecto ten preto de 13 quilómetros de tramos soterrados.
Risco grave para a auga potable e o acuífero
O principal argumento técnico e ambiental esgrimido polo Concello fundamentase no impacto sobre os recursos hídricos da zona. Así o trazado aéreo proxectado afecta directamente a un total de 17 captacións de auga subterránea para abastecemento humano nun radio de 100 metros arredor das torres de alta tensión. O caso máis grave dáse na captación denominada Carreira 2, que se atopa fisicamente dentro da propia zona de ocupación temporal e de obras do vano entre os apoios T-50 Bis e T-1N.
Dende a entidade local, denuncian que a promotora “seleccionou a “Alternativa 1″, recoñecida no propio estudo como a peor opción en termos hidrolóxicos e de impacto en captacións, sen realizar unha análise hidroxeolóxica específica nin xustificar tecnicamente a ausencia de perigo para o abastecemento veciñais”.
Por este mesmo motivo, Lorenzo, que é tamén Presidente do Consorcio de Augas do Louro, adiantou que dende esta entidade “presentaranse tamén alegacións”.
Amparo legal na xurisprudencia europea
O escrito de alegacións fai valer a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), que obriga ás administracións a denegar calquera autorizacion previa cando exista risco de deterioro ou se poña en perigo a recuperación dunha masa de auga xa degradada, aplicando estritamente o principio de precaución.
Así mesmo, a administración local lembra que “a xurisprudencia do Tribunal Supremo e dos Tribunais Superiores de Xustiza avala a nulidade de procedementos ambientais cando se omite un estudo real e comparativo de alternativas viables como o soterramento, ou cando se pretende diferir a avaliación do impacto hídrico a fases posteriores á aprobación do proxecto”.
Apoio ás comunidades de montes e veciños
O rexedor porriñés quixo manifestar tamén o apoio institucional expreso do Concello ás reivindicacións e alegacións que poidan presentar pola súa conta os propietarios particulares e entidades colectivas afectadas, entre as que se atópanse a Comunidade de Montes de Cans-Porriño, os Montes Veciñais de Santa María-Porriño ou a Comunidade de Augas de Cans.
“Este Concello ten constancia da inquietude manifestada polos propietarios particulares e polas entidades representativas de intereses colectivos antes citadas. Na medida en que, como se acredita ao longo do presente escrito, tal inquietude resulta plenamente xustificada en motivos técnicos e xurídicos de peso, este Concello manifesta o seu apoio institucional expreso ás reivindicacións que aqueles veñan a formular en relación con este proxecto, comprometéndose a manter, durante o tempo que reste do período de información pública, unha canle de comunicación e colaboración activa cos propietarios, veciños e entidades afectadas, co obxecto de contribuír, na medida das súas competencias, a que as alegacións que estes formulen resulten o máis completas e fundamentadas posible.
O Concello comprometeuse a manter unha canle de colaboración directa cos veciños e advirte de que “se reserva o exercicio de cantas accións e recursos administrativos e xudiciais sexan precisos en defensa do territorio e da calidade de vida dos veciños do Porriño”.

