O outono comeza con música en Tui con dobre proposta esta fin de semana no Teatro Municipal. O Festival de Playbacks previsto para mañá venres e o concerto da Banda de Música Cultural de Salceda do sábado teñen entrada gratuíta.
Mañá venres, ás 20.30 h, celebrarase un Festival de Playbacks no que participarán os grupos infantís das asociacións A Insua de Caldelas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufe. Os máis pequenos e pequenas levarán ao escenario tudense as cancións e coreografías dos seus ídolos musicais.
Xa o sábado ás 20 h estará en concerto a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. Baixo a dirección de Jorge Macedo interpretarán no Teatro Tudense o repertorio co que van participar o domingo 11 de outubro no XIX Certame Galego de Bandas de Música. Entre as composicións que van ofrecer estará Soñad el mar de Manuel Morales Martínez; O mar dos ausentes de Álvaro Cámara López; e Stones and Sea, Symphony No. 1 de Saül Gómez i Soler.
A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destaca que con estas dúas propostas dáse a benvida ao outono no teatro tudense, a unha semana de que comece a programación organizada polo Concello de Tui neste espazo escénico. As entradas para os sete espectáculos a celebrar entre o 2 de outubro e o 13 de novembro Tui están xa á venda en tui.gal.

