HomeNewsActualidadeCentos de persoas participaron durante toda a xornada no Alfacuca Picnic de...

Centos de persoas participaron durante toda a xornada no Alfacuca Picnic de Mos

A Aldea Alfacuca acolleu este sábado a segunda edición do Festival Alfacuca Picnic, unha xornada na que centos de persoas participaron ao longo do día nun programa que combinou natureza, música, actividades familiares e educación ambiental.

O festival, promovido polo Concello de Mos no marco do programa Coidamos, deu continuidade á primeira edición celebrada en 2025, que reuniu máis de 2.000 persoas. Nesta ocasión, a organización reforzou o contido relacionado coa reciclaxe, a reutilización e a economía circular, mantendo un formato aberto ao público xeral e especialmente pensado para compartir en familia. 

A programación comezou pola mañá con actividades vinculadas á natureza e ao territorio, entre elas a andaina ao Monte de Louredo, a iniciación á observación de aves e diferentes obradoiros. Ao longo da xornada sucedéronse tamén propostas de creación e reutilización de materiais, contacontos e actividades infantís.

Entre as actividades ambientais desenvolvidas estiveron os obradoiros destinados a aprender a separar correctamente os residuos, reutilizar materiais e darlles unha segunda vida, así como propostas relacionadas coa compostaxe e o consumo responsable. A programación ambiental desta segunda edición incluíu tamén charlas sobre a xestión dos residuos no rural e un roteiro interpretativo pola contorna da Aldea Alfacuca. 

A música tivo tamén presenza durante toda a xornada, con actuacións e propostas de rúa, mentres que o picnic colectivo serviu como punto de encontro para as persoas asistentes. O programa completouse pola tarde con xogos, maxia, títeres e outras actividades de animación.

Outro dos espazos da xornada foi “I Love Mascotas”, dedicado ao benestar animal e á adopción responsable. A iniciativa contou coa participación de protectoras, información sobre animais en adopción e actividades dirixidas ás crianzas para fomentar o respecto e o coidado dos animais. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS