HomeNewsActualidadeO Concello do Porriño continúa co seu plan de mellora e repavimentación...

O Concello do Porriño continúa co seu plan de mellora e repavimentación dos camiños do rural

O Concello do Porriño continúa coas obras de pavimentación e mellora da seguridade viaria en diversos camiños de titularidade municipal. Entre as actuacións destaca a pavimentación do Camiño Contrasto sito na parroquia de Torneiros, agora en execución, e o Camiño da Torre de Atios.

Para comprobar de primeira man o avance e execución destes traballos de mellora nas infraestruturas do medio rural, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse ata a zona acompañado polo concelleiro de Obras, Ramón Porto. Durante a visita, puideron supervisar as tarefas de fresado, reasfaltado e posta a punto da sinalización vial. As obras consisten na mellora e repavimentación do vial para garantir unhas condicións óptimas de circulación e conservación a longo prazo.

Ademáis tense adxudicado xa as obras no  camiño Torre, na parroquia de Atios, unha intervención que ten como obxectivo principal solucionar os problemas de evacuación de augas pluviais que provocaban acumulacións sobre a calzada nos días de choiva, o que provocara o deterioración do firme con fisuras e deformacións. Con estes traballos renovarase a drenaxe e canalización de pluviais xunto coa reposición do pavimento.

Nestas intervencións o concello inviste máis de 71.000 euros. Ambas as actuacións inclúense dentro do programa municipal de mellora de camiños rurais e contan co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España 

Súmanse a outras obras xa rematadas que forman parte dun proxecto conxunto de mellora viaria que abarca tamén o Camiño de Coto do Muiño (na parroquia do Porriño), o Camiño da Relva (en Torneiros) e o Camiño do Regueiro (en Mosende). O conxunto dos traballos contou cun orzamento base de licitación con IVE de 125.507,87 .

“Mellorar as infraestruturas das nosas parroquias é unha prioridade absoluta para garantir que todos os veciños e veciñas contan con servizos e accesos dignos”, asegurou Alejandro Lorenzo, quen destacou que “con estas actuacións reforzamos a seguridade viaria e facilitamos a mobilidade no día a día das familias da contorna”. “Os traballos realizados nos camiños de Contrasto non só renovan o firme e a capa de rodaxe, senón que vertebran o territorio e melloran a calidade de vida no rural”, concluíu o alcalde, engadindo que estas obras no rural continuarán.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS