O Concello do Porriño está levando a cabo as obras de reparación e acondicionamento de tres pontes situadas no sendeiro do río Louro, que resultaron danadas pola caída de árbores como consecuencia de episodios de inclemencias meteorolóxicas adversas sufridos durante o inverno.
A intervención está a consistir na reparación estrutural destas infraestruturas mediante a substitución dos elementos de madeira que quedaron inutilizados. En concreto, substituiranse completamente 74 metros cadrados de piso de madeira, 25 metros lineais de elementos estruturais e 52 metros lineais de postes de varanda, así como a reparación ou reposición doutros elementos estruturais e superficiais necesarios para garantir a correcta estabilidade e funcionalidade das pasarelas.
O conxunto da actuación, que ascendeu a 17.758 euros, permite recuperar as condicións de seguridade e transitabilidade destas estruturas, garantindo o seu correcto funcionamento dentro do itinerario peonil. Trátase dunha das zonas verdes máis atractivas, tanto para cidadáns como para turistas. Un itinerario natural de uso público que permite o percorrido peonil ao longo da contorna fluvial, sendo un espazo amplamente empregado pola cidadanía para actividades de paseo, lecer e práctica deportiva.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitaba nas últimas horas unha destas pasarelas acompañado polo concelleiro de Obras, Ramón Porto, e o de Parques e Xardíns, Marcos Martínez. “As obras de mantemento son fundamentais para poder seguir disfrutando deste pulmón verde do Porriño”, explicaba o rexedor lembrando que o seu goberno ten un ambicioso plan para este espazo que seguirá crecendo en verde con máis espazos para a cidadanía.

