Tres persoas perderon a vida na madrugada deste domingo na localidade de Isla Cristina, en Huelva, nun tiroteo. O suceso tivo lugar na barriada do Rocío, cando dous encapuchados que circulaban nunha motocicleta abriron fogo contra as tres persoas e fuxiron do lugar, tal e como informaron fontes próximas á investigación.
O suceso está agora en mans da Garda Civil, quen busca esclarecer as circunstancais dos feitos así como identificar aos presuntos culpables.
Os tres falecidos son unha muller, o seu fillo menor e a nai dela; os tres corpos estiveron tendidos no chan da rúa á espera da chegada do xuíz á zona dos feitos para proceder ao seu levantamento e ser trasladados ata o Anatómico Forense onde se lles realizará a autopsia.
Á espera de confirmación, os primeiros indicios apuntan a un axuste de contas relacionado cun feito similiar anterior, un tiroteo que tivo lugar na barriada de El Torrejón da mesma cidade, en setembro de 2024 e que se saldou cun morto e dous feridos.
Tras os disparos mortais, o presunto autor dos feitos fuxiu inmediatamente e foi localizado e detido semanas máis tarde en Xixón (Asturias) pola Policía Nacional. Nas seguintes semanas, foron rexistrados varios tiroteos “de represalia ou amedrentamento”, que logo foron trasladados a Isla Cristina, onde se refuxiaron varios familiares do agresor.
Foi precisamente nesta localidade cando en maio de 2025 a Garda Civil despregou un operativo e detivo a tres personas da zona por ameazar aos veciños con arma de fogo e realizar disparos dende azoteas.

