Tui vivirá o vindeiro sábado 15 de agosto a Festa do Miño, coa gastronomía e a música como protagonistas. A cita terá lugar na rúa Compostela na que se vai celebrar a festa gastronómica pondo en valor os pratos típicos galegos, tendo cabida tamén outras celebracións e novas propostas.
Da man de dez asociacións culturais, poderase degustar dende ás 20:00 horas unha gran variedade de produtos, con prezos que oscilan entre os 1 e os 4 euros. Así, haberá tortilla, empanadillas, empanada, empanada de millo, bocadillos variados, brocheta, minipizzas, croquetas, quiche, arepas, trenza de xamón e queixo. Por outra banda, de sobremesa ofertarase biscoito, bica, tarta de queixo, rosquillas, macedonia, tartas de mazá, de tres chocolates, de piña ou de améndoa e leite frita.
As asociacións e entidades participantes son a Asociación Cultural Cristo da Agonía de Baldráns, a Banda de Gaitas Guillerei de Guillarei, a Asociación Cultural Laxes de Paramos, a Asociación O Mosteiro de Pexeguerio, a Asociación de Riomuíños, a Asociación de San Bartolomeu, a Asociación Cultural Seixos Albos de Areas, a Asocación do Traxe Tradicional, a Comisión Virxe das Dores de Guillarei e a Asociación Cultural Xuntanza de Randufe.
A festa gastronómica do Miño terá como complemento a música coa actuación dende ás 20:00 horas da charanga tudense A Tu Ritmo, continuará ás 21:30 horas con Fanfarria Taquikardia e con Mekánica Rolling Band para o fin de festas.

