Co obxectivo de facilitar a chegada das persoas que queiran contemplar a eclipse desde o Monte Faro de Budiño, o Concello do Porriño habilitará un servizo de transporte en autobús gratuito desde o casco urbano. Debido á orografía do terreo, o transporte deixará ás persoas usuarias a uns dous quilómetros do cumio. Ese último tramo deberá facerse a pé.
Os autobuses sairán desde a Avenida de Galicia e a N–550 ás 17:00, 17:40 e 18:25 h e regresarán desde o Faro, logo da eclipse, ás 22:15, 23:00 e 23:45 h. Trátase de dar servizo ás persoas que non teñan un medio de transporte alternativo. Son 37 prazas en cada viaxe que se encherán por estrita orde de chegada.
No Faro habilitaranse tamén dúas zonas de aparcamento para vehículos para dar cabida a todo aquel que queira subir a este entorno único para contemplar o evento e participar nas actividades programadas polo concello.
Reparto de gafas
O Concello repartirá 1.000 gafas homologadas no Faro de Budiño para as persoas que decidan contemplar desde aí a eclipse, pero ademais repartirá 750 ese mesmo mércores pola mañá aos nenos e nenas menores de 18 anos que estean empadronados no Porriño.
Haberá tamén un posto de comida e bebida xestionado pola Comisión de Festas de San Blas.
Esta iniciativa forma parte da programación especial “Sombra e luz. Vive a eclipse no Faro de Budiño”, organizada para o vindeiro 12 de agosto.
Así, as persoas que decidan contemplar a eclipse desde un lugar privilexiado pode facelo desde o Faro de Budiño, cunha ampla programación que permitirá, máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinar divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.
“Esta iniciativa supón unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades”, asegura Alejandro Lorenzo, alcalde do municipio, que cruza os dedos para ter unha tarde despexada: “Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir esta eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño”, apunta tamén a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.
Programación
A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.
Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas na eclipse.
Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura da eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.
As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.
Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación da eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

