O Pleno do Concello de Ponteareas vén de aprobar a proposta formulada pola Mesa de Contratación para continuar coa tramitación do novo contrato de concesión do servizo do ciclo integral da auga, un proxecto estratéxico que permitirá “executar o maior investimento en infraestruturas hidráulicas da historia do municipio”, aseguran dende o goberno local.
O acordo inclúe a aceptación da clasificación das ofertas presentadas e a proposta de FCC Aqualia, S.A. como empresa adxudicataria, ao ser a licitadora que obtivo a maior puntuación, con 94,9 puntos. A compañía dispón agora do prazo legal para presentar toda a documentación requirida. Unha vez comprobado polos servizos municipais que cumpre todos os requisitos establecidos na Lei de Contratos do Sector Público e nos pregos da licitación, o Pleno procederá á adxudicación definitiva do contrato.
Deste xeito, iniciase o último trámite antes da adxudicación definitiva dun contrato que suporá “un antes e un despois para Ponteareas” e que mobilizará 32,5 millóns de euros en novas obras de abastecemento e saneamento, o maior investimento hidráulico realizado nunca no municipio. Estas actuacións permitirán ampliar as redes existentes, renovar infraestruturas obsoletas, modernizar o sistema hidráulico municipal e mellorar a eficiencia do servizo mediante novas tecnoloxías de control, telexestión e detección de fugas.
O principal obxectivo deste investimento é dotar por primeira vez a Ponteareas dunha rede integral de saneamento que chegue a todas as parroquias, garantindo que no prazo de dous anos todos os núcleos de poboación dispoñan deste servizo básico.
A concelleira Raquel Bautista destacou que “hoxe damos un paso decisivo” para facer realidade un dos proxectos máis importantes para o futuro do noso municipio”. Bautista engadiu que con este contrato “cumprimos un obxectivo histórico”, como é dotar a Ponteareas dunha rede integral de saneamento que chegue a todas as parroquias. Pola súa banda, a alcadesa, Nava Castro, destacou que o obxectivo do concello é que ningún veciño ou veciña “quede sen este servizo básico polo feito de vivir no rural.”
A todos modos, o Concello lembrou que “o servizo continuará sendo de titularidade pública e municipal, mantendo en todo momento as competencias de planificación, control, inspección e supervisión da concesión”. O novo contrato permitirá garantir un servizo moderno, eficiente e sostible, ao tempo que fai posible acometer uns investimentos que resultarían inasumibles unicamente con recursos municipais.

