O Concello de Mos celebrou o acto de posta en servizo da remodelación da Avenida de Puxeiros e da Avenida do Rebullón, unha actuación que supuxo un investimento de 1.282.373,65 euros e que permite renovar un dos principais eixos de comunicación do municipio baixo criterios de accesibilidade, seguridade viaria e sustentabilidade.
No acto participaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañados por representantes das tres administracións, membros do goberno municipal, técnicos e empresas que participaron na execución da obra.
A actuación desenvolveuse ao longo de máis de 300 metros das avenidas de Puxeiros e do Rebullón e incluíu a remodelación da rotonda dos Bois, un dos puntos con maior intensidade de tráfico do municipio. Os traballos permitiron ampliar as beirarrúas, crear novos espazos peonís, incorporar zonas verdes, arborado, mobiliario urbano e iluminación renovada, soterrar os servizos urbanos e executar unha nova rede de recollida de augas pluviais, ademais de reorganizar a circulación para mellorar a fluidez do tráfico e incrementar a seguridade viaria.
O investimento total da actuación foi financiado mediante a colaboración das tres administracións: a Xunta de Galicia achegou o 47 % do orzamento; a Deputación de Pontevedra, a través do Plan +Provincia e dun convenio de colaboración, financiou o 51 %; e o Concello de Mos asumiu o 2 % restante con fondos propios.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “esta obra é moito máis que a remodelación dunha estrada; representa unha forma de entender o desenvolvemento do municipio, creando espazos máis seguros, accesibles e pensados para as persoas”. A rexedora lembrou que esta actuación “completa a transformación que estamos impulsando nesta contorna e constitúe unha peza fundamental para o futuro desenvolvemento do Novo Puxeiros”.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, cualificou a actuación como “un antes e un despois” para esta contorna de Mos, destacando que a intervención permitiu “gañar espazo para o uso peonil, mellorar a accesibilidade, incrementar a seguridade e crear unha contorna máis atractiva e sostible”. Allegue incidiu en que esta actuación exemplifica “a importancia da colaboración entre administracións para impulsar proxectos que melloran a calidade de vida da cidadanía” e lembrou que a Xunta contribuíu ao financiamento da obra con 600.000 euros.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, subliñou que esta remodelación supón “unha transformación integral dun espazo estratéxico para Mos”, destacando que a actuación dota a este ámbito de “máis zonas verdes, beirarrúas máis amplas, servizos completamente renovados e unhas infraestruturas que melloran a seguridade e a mobilidade”. López salientou tamén que a rapidez coa que se executou o proxecto foi posible “grazas ao rigor técnico do Concello e á cooperación institucional”, poñendo en valor o compromiso da Deputación co financiamento desta actuación.

