HomeNewsActualidadeDenuncian erros de novo nos exames de Historia e Tecnoloxía da selectividade...

Denuncian erros de novo nos exames de Historia e Tecnoloxía da selectividade en Galicia

Profesores de diversos institutos cuestionan o plantexamento das probas na convocatoria extraordinaria, que remata este xoves, mentres a CIUG matiza os criterios de corrección

A polémica volve rodear as probas de acceso á universidade (ABAU/PAU) en Galicia. Apenas unhas semanas despois da accidentada convocatoria ordinaria, docentes de varios centros de ensino secundario denunciaron esta semana novas eivas nos exames de Historia de España e de Tecnoloxía e Enxeñaría da fase extraordinaria.

A queixa principal sobre a proba de Historia céntrase no primeiro exercicio, un texto sobre o reformismo borbónico en Galicia. Segundo o profesorado do IES Leliadoura de Ribeira, o exercicio contiña máis erros dos permitidos polas directrices oficiais e algúns deles eran demasiado específicos para o nivel de 2.º de bacharelato. Isto, sinalan, xerou unha “sensación de inseguridade” entre o alumnado, ao ser unha pregunta obrigatoria sen opción de escolla.

Criterios de corrección

Tras unha primeira negativa na que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) negou a existencia de erros, o grupo de traballo da materia aclarou despois que o obxectivo era que os estudantes identificasen dous fallos concretos —relacionados co Arsenal de Ferrol e a Matrícula do Mar—. Segundo esta rectificación, os correctores só terán en conta eses dous puntos para avaliar a proba, restando importancia a outras imprecisións adicionais que, segundo indican, se incluíron para guiar aos alumnos na resolución.

Pola súa banda, o exame de Tecnoloxía tamén foi obxecto de crítica. Os docentes apuntan que a proba incumpre a normativa ao non ofrecer opcións de escolla na maioría dos exercicios, cando o regulamento establece que tres das catro preguntas deben permitir ao alumnado seleccionar entre diferentes apartados.

Debuxo Técnico: o debate sobre a extensión

A materia de Debuxo Técnico, que protagonizou a maior controversia na edición de xuño, viviu desta volta unha xornada máis tranquila en canto á formulación técnica. Con todo, o profesorado volve advertir de que o exame resulta excesivamente extenso para os 90 minutos de tempo dispoñible.

Guillermo Rodríguez, profesor no IES Francisco Daviña Rei de Monforte, explicou que a proba obriga a demostrar a mesma habilidade en dous exercicios diferentes. “O alumnado podería facer outro tipo de pezas que non foran tan elaboradas para ter un exame máis equilibrado”, sinalou tras facer chegar as súas queixas aos responsables da CIUG, pedindo un mellor axuste entre o contido da proba e o tempo de execución.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS