HomeNewsActualidadeA "lei de netos" engade 40.000 novos electores ao censo exterior de...

A “lei de netos” engade 40.000 novos electores ao censo exterior de Galicia

O electorado residente no estranxeiro xa supón case o 19% do censo total galego, nun contexto de crecente debate político sobre os requisitos para obter a nacionalidade española

A aplicación da Lei de Memoria Democrática, coñecida popularmente como “lei de netos”, disparou o número de electores galegos residentes no estranxeiro. Segundo os últimos datos, a comunidade conta xa con 510.055 votantes fóra das nosas fronteiras, o que supón un incremento de 40.135 persoas desde a entrada en vigor da vía da nacionalización exprés en outubro de 2022.

Con este aumento, Galicia consolida a súa posición como a comunidade autónoma con maior número de electores no exterior, situándose este colectivo moi preto de representar a quinta parte do censo total (un 18,8 %). Aínda que a nivel estatal o crecemento é máis pronunciado —un 18,5 % fronte ao 8,5 % galego—, Galicia segue liderando en termos absolutos, seguida de preto pola circunscrición de Madrid.

Polémica polo control dos procesos

O volume de novos nacionalizados espertou as reticencias de formacións como o PP e Vox. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou a súa preocupación pola “intensidade” e “rapidez” coa que se están tramitando estas nacionalizacións. Rueda sostén que a normativa relaxou demasiado os requisitos e reclama que se acredite de forma veraz o vínculo real dos descendentes cos seus antepasados e con España.

Pola súa banda, desde Vox lanzaron duras críticas contra o que denominan “enxeñería electoral” e solicitaron á Xunta Electoral que elimine o voto por correo desde o exterior, cuestionando a seguridade e a fiscalización da vinculación efectiva dos novos cidadáns co país.

O peso decisivo do voto exterior

A relevancia desta masa electoral xa se fixo notar en comicios recentes. Nas últimas eleccións xerais, o reconto das papeletas chegadas do estranxeiro foi determinante nalgúns territorios, provocando cambios na asignación de escanos e alterando alianzas de goberno.

Historicamente, a participación da diáspora galega foi moi elevada, superando o 30 % do censo en citas como as autonómicas de 2005, 2008 ou 2009. Con todo, a implantación do “voto rogado” en 2011 provocou un afundimento na participación, que non empezou a recuperarse ata a súa eliminación en 2023. Hoxe, co envío das papeletas ao domicilio dos censados, o voto exterior volveu gañar un peso estratéxico que levanta ampollas na política nacional.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS