O Festival Petra Rosa despediu por todo o alto a súa primeira edición. O escenario único das canteiras do Porriño acolleron na noite do domingo o concerto de Sergio Dalma, encargado de pór o broche de ouro a catro días onde a música e a pedra do Porriño foron os grandes protagonistas.
Tras uns primeiros momentos de tensión, o catalán apareceu no escenario ás 22:30 horas, media hora máis tarde do previsto debido a uns problemas técnicos. Iso non resultou ser ningún inconvinte para o público, que saltou e bailou ao ritmo dos seus grandes éxitos.
“As canteiras están a demostrarse como un escenario único no mundo para acoller este tipo de eventos” asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que destaca a entrega do público e tamén dos artistas que teñen pasado por este espacio, embuíndose nun ambiente único.
Con esta última noite de música, o Festival Petra Rosa pecha deixando unha pegada indeleble grazas á perfecta comuñón entre a música en directo e a singular paisaxe da pedra do Porriño. Antes do barcelonés, actuou o venres Pablo López, quen saiu ao medio do público a cantar; e Antonio Orozco o sábado, que unha vez máis demostrou o gran amor que sinte pola terra galega.
O festival pecha así esta primeira edición cargada de emoción. Haberá que agardar ao vindeiro ano para coñecer os artistas invitados da segunda edición desta festa musical nas canteiras do Porriño.

