HomeNewsActualidadeA Audiencia de Ourense arquiva a causa contra Jácome por prevaricación

A Audiencia de Ourense arquiva a causa contra Jácome por prevaricación

O tribunal revoga a investigación contra o alcalde por compatibilizar o seu cargo con actividades privadas, ao considerar que, de existir irregularidades, deberían resolverse pola vía administrativa e non penal

A Audiencia Provincial de Ourense decretou o sobresemento da causa penal que se seguía contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, por un presunto delito continuado de prevaricación. A investigación centrábase na súa actuación ao non solicitar a compatibilidade entre a súa dedicación exclusiva como rexedor e o exercicio de actividades profesionais privadas, entre as que destacaba a xestión dunha televisión local.

Os maxistrados estimaron o recurso de apelación presentado pola defensa de Jácome, revocando así o auto do pasado 14 de abril que ordenaba continuar co procedemento abreviado. Na resolución, o tribunal aclara que “non toda omisión ou incumprimento dun deber por parte dun funcionario pode catalogarse de prevaricación administrativa omisiva”.

“Cuestionable” a vía penal

A sala insiste en que unha resolución contraria a dereito non é, por si mesma, constitutiva de prevaricación. Ademais, os xuíces ven “cuestionable” esixir a declaración de compatibilidade para “ocupacións marxinais remuneradas”, un ámbito que, ao seu xuízo, correspondería á xurisdición contencioso-administrativa, vía que non se chegou a empregar neste caso.

O auto destaca tamén que a conducta do alcalde puido estar avalada por informes técnicos e subliña que, durante o tempo que Jácome leva no cargo, non consta que os servizos técnicos do Concello realizasen ningún reparo de legalidade sobre a súa situación. “De existir algunha irregularidade, esta é de natureza administrativa e deberá depurarse por esa vía”, conclúe o tribunal.

Esta decisión chega poucos días despois de que a Fiscalía solicitase nove anos de inhabilitación para o rexedor, ao entender que se atopaba nunha situación de pluriactividade ao estar dado de alta simultaneamente no réxime xeral e no de autónomos da Seguridade Social, percibindo ingresos privados de máis de 780.000 euros entre 2019 e 2024. A resolución da Audiencia non é firme, xa que cabe a posibilidade de presentar un recurso de casación.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS