HomeNewsActualidadeMondariz acolle a exposición “Un mundo de gravados"

Mondariz acolle a exposición “Un mundo de gravados”

O Concello de Mondariz acolleu a inauguración da mostra «Un mundo de gravados» e a presentación do seu catálogo. A exposición reúne 67 obras de 64 artistas de 34 países, seleccionadas entre as pezas participantes no certame internacional Mini Print Galicia e pertencentes ao fondo artístico da Asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea, de Vilariño. 

A exposición poderá ser visitada ata despois de Reis en horario de luns a venres de 10:00 a 12:00 horas. A actividade propón un percorrido pola diversidade de linguaxes, técnicas e sensibilidades que definen a gráfica contemporánea actual, converténdoa nun espazo de encontro, diálogo e intercambio cultural. 

Comisariada por Xan Leira e Leonardo Rial, a exposición reúne sesenta e sete obras asinadas por sesenta e catro artistas procedentes de trinta e catro países. Trátase dunha escolma de pezas premiadas e participantes nas primeiras edicións do certame internacional Mini Print Galicia, que integran o fondo artístico da Asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Contemporánea, con sede en Vilariño.

Tradición e experimentación na gráfica actual

Segundo destacan os comisarios no texto curatorial, “o gravado é unha arte de pegadas, tempos e transformacións que xorde do diálogo entre a idea e a materia, o xesto e a ferramenta, e a intuición creativa e o dominio técnico”. A mostra pon en valor a vitalidade dunha disciplina en constante evolución, na que as técnicas tradicionais dialogan cos procedementos máis innovadores sen perder a súa memoria nin a súa vocación de circulación e encontro entre culturas. 

A selección combina obras premiadas coa variedade de propostas participantes, apostando por dar visibilidade á pluralidade de miradas e procedencias xeográficas e culturais. Entre os creadores e creadoras presentes na mostra figuran nomes como Weronika Siupka, Montserrat Badía Batlle, Shogo Muto, Maite Meixide, Alexandra Ortiz de Zárate, Cleo Wilkinson, Juan Balay Martínez, Francisco de Santos, Antonio Díaz Pedreira, John Stormer, Jing Chen ou Lurdi Blauth, até completar as sesenta e catro sinaturas participantes.

A iniciativa conta co apoio do Concello de Mondariz e da Deputación de Pontevedra, ademais de contar co apoio de entidades vinculadas ao proxecto como a Xunta de Galicia, o Concello de Cangas, a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e Memoria Documental de Galicia.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS