Salvaterra de Miño acollerá este venres o peche da V edición de Gastro Movida, un congreso experiencial e itinerante en formato fam trip. A actividade estrutúrase sobre os eixos do territorio, gastronomía e turismo, e reunirá na localidade a un grupo de 25 influencers e medios de comunicación especializados, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o potencial turístico, patrimonial e enogastronómico da vila.
Así, o itinerario arrancará cun percorrido polas Termas de Salvaterra, poñendo en valor o atractivo termal da localidade, e continuará cunha ruta cultural pola muralla e o museo. A inmersión na identidade local completarase cunha parada en Alfarería Añón, un taller histórico que mantén o oficio tras varias xeracións de alfareiros.
De seguido, levarase a cabo unha ruta enoturística coñecendo dúas bodegas da zona, Bodega Fillaboa e Pazo as Barreiras. A mediodía, a Casa do Conde converterase no epicentro gastronómico da xornada coa celebraciónd e “PinchoTerra”. A proposta ofrecerá aos participantes unha degustación de tapas elaboradas con produto local, maridadas cunha cata de viños da zona.
O broche final virá da man da cerimonia de entrega dos Premios Maripulpi, uns galardóns cos que a organización recoñece a traxectoria e o compromiso dos principais impulsores da industria gastronómica.

