O Goberno central e a Xunta de Galicia encaran un novo conflito educativo. A proposta do Executivo estatal de reducir as ratios nas escolas infantís de 0 a 3 anos —fixando os límites en 4 alumnos para a aula de 0-1 anos, 6 para a de 1-2 e 8 para a de 2-3— provocou unha reacción inmediata do Goberno galego. A conselleira de Política Social, Fabiola García, advertiu este xoves que este decreto ameaza por primeira vez a gratuidade da educación infantil en Galicia.
Actualmente, a nosa comunidade conta cun modelo que permite entre 8 e 20 nenos por adulto, un sistema que, segundo a Xunta, sitúa a Galicia como “referencia mundial” en escolarización nesta etapa, superando en 15 puntos a media estatal.
Unha medida “sen diálogo”
A titular de Política Social reprochou ao Goberno de España que pretenda impulsar esta reforma sen consultar previamente coas comunidades autónomas nin co sector. Segundo Fabiola García, esta falta de diálogo ignora as advertencias das propias escolas infantís, que xa trasladaron o seu temor pola viabilidade de máis de 20.000 prazas na comunidade.
Para a conselleira, esta forma de actuar responde á política de “eu invito e ti pagas” do Executivo central. García lembrou que este novo desencontro súmase ao malestar previo da Xunta pola xestión dos fondos destinados a financiar a gratuidad de 0 a 3 anos.
Urxencia de negociar
Ante este escenario, a Xunta instou o Ministerio a “reflexionar” e “recapacitar”. A conselleira defendeu que é imprescindible escoitar tanto ás autonomías como a todo o sector antes de oficializar un cambio lexislativo que podería alterar a estrutura das escolas infantís galegas.
A Administración galega mantén a súa postura firme contra un decreto que, ao seu xuízo, lonxe de mellorar a atención, fai insostible o actual modelo de gratuidade implantado na comunidade.

