HomeNewsActualidadeMaría del Carmen Cabeza, nova presidenta da CIUG tras a polémica na...

María del Carmen Cabeza, nova presidenta da CIUG tras a polémica na selectividade

A catedrática da Universidade de Vigo asume o cargo, de forma rotatoria, en substitución de Iván Area, tras as críticas polas incidencias técnicas nas probas de acceso deste ano

A Universidade de Vigo xa ten nova delegada na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). María del Carmen Cabeza Pereiro, catedrática do Departamento de Tradución e Lingüística, asume a presidencia deste organismo polo menos ata final de ano. Este nomeamento prodúcese tras o cesamento de Iván Area, quen deixou o cargo días despois de pechar unha selectividade marcada por unha onda de críticas e protestas.

Cabeza asume esta responsabilidade nun momento complexo, marcado pola necesidade de recuperar a confianza da comunidade educativa tras os erros detectados en materias como Debuxo Técnico, Historia de España, Historia da Arte, Física e Tecnoloxía. “Asumo o compromiso de traballar para que a universidade pública galega continúe a ser unha porta aberta ás oportunidades de estudo, en condicións de igualdade e confiabilidade”, afirmou a nova presidenta tras o seu nomeamento.

Un perfil con experiencia na xestión

A nova responsable da CIUG conta cunha dilatada carreira docente e investigadora, especializada no estudo da lingua de signos. Ademais, posúe experiencia previa en postos de responsabilidade, tendo exercido como vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes na etapa de Alberto Gago (2006-2010). Cabeza destacou que a CIUG conta cunha “estrutura moi profesional e experimentada” capaz de atender as esixencias da sociedade galega.

O cambio na presidencia prodúcese xusto antes da convocatoria extraordinaria da PAU, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 2 de xullo. Pola súa banda, o proceso de matrícula ordinaria arrincará os días 8 e 9 de xullo.

O legado da selectividade máis polémica

O anterior presidente, Iván Area, despediuse do cargo este luns recoñecendo “incidencias puntuais e de natureza técnica”. Aínda que defendeu que a resposta da comisión foi a correcta e que se actuou con “celeridade” para garantir a equidade dos estudantes, a súa xestión provocou críticas de familias, docentes e alumnos, chegando a rexistrarse peticións de dimisión.

Ante o malestar xeneralizado, a CIUG viuse obrigada a aplicar “criterios extraordinarios de corrección” para evitar que o alumnado resultase prexudicado polos erros nos enunciados. Curiosamente, os datos mostran que as materias máis afectadas polas deficiencias técnicas foron tamén nas que se rexistrou un maior aumento na porcentaxe de aprobados.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS