O empresario Eusebio Novas Hay, figura vinculada á cadea de conxelados Hiperxel, entrou voluntariamente en prisión o pasado día 18. Fíxoo no centro penal de Navalcarnero, en Madrid, en lugar de na Lama, tal como establecía o auto inicial do tribunal vigués. Novas deberá cumprir unha pena de seis meses de cárcere por un delito continuado de falsidade en documento mercantil.
A decisión de ingresar en prisión chega despois de que a Audiencia de Pontevedra desestimase o pasado 4 de xuño o último recurso presentado polo empresario contra a execución da sentenza. O tribunal denegoulle a suspensión do ingreso ao considerar que existe un alto risco de reincidencia, sinalando a súa “perigosidade criminal” pola reiteración de delitos que afectan a distintos eidos xurídicos.
Un historial delictivo acumulado
Esta condena de seis meses non é un caso illado na traxectoria xudicial de Novas. O empresario acumula un total de catro anos de privación de liberdade repartidos en varias sentenzas previas:
- Defraudación tributaria (2015): 9 meses de prisión.
- Estafa (2013): 4 meses e 15 días.
- Estafa (2013): 2 anos de prisión suspendida.
A maiores destas causas, a Fiscalía de Pontevedra presentou en 2023 cargos contra el, contra Juan Villamizar e contra outras persoas e entidades vinculadas ao Grupo Vinova. Esta causa investiga tres delitos contra a Facenda Pública que, segundo a acusación, explican a quebra e disolución da que chegou a ser a maior cadea de conxelados de Galicia, Hiperxel, tras a súa adquisición en 2021.
O centro penal de Navalcarnero notificou o mesmo día 18 ao Xulgado de Instrución número 1 de Vigo a entrada do interno, o que serviu para iniciar o cómputo do tempo de cumprimento da pena.

