HomeNewsActualidadeO Tribunal Supremo condena a Ábalos a 24 anos de cárcere e...

O Tribunal Supremo condena a Ábalos a 24 anos de cárcere e a Koldo García a 19 pola trama de corrupció

A sentenza, a primeira contra a corrupción da era Sánchez, considera probado que formaron unha organización criminal para lucrarse desde o Ministerio de Transportes

O Tribunal Supremo ditou este luns a primeira gran sentenza por corrupción relacionada coa etapa de goberno de Pedro Sánchez. O fallo condena o exministro de Transportes, José Luis Ábalos, a 24 anos de prisión e ao seu antigo asesor, Koldo García, a outros 19. A resolución, adoptada por unanimidade, considera probado que ambos formaron, xunto co empresario Víctor de Aldama, unha organización criminal dedicada ao tráfico de influencias, o suborno e a malversación de caudais públicos.

A Sala tamén impón catro anos e medio de cárcere a Víctor de Aldama, o empresario que actuou como “conseguidor” da trama. Con todo, os maxistrados acordaron suspender a súa entrada en prisión ao valorar a súa colaboración activa para o esclarecemento dos feitos, condicionando esta medida a que non volva delinquir e realice traballos en beneficio da comunidade.

Unha organización criminal desde o ministerio

Segundo a sentenza, os tres condenados operaron cun reparto de funcións claro para obter beneficio económico: Ábalos achegaba o mando político e a autoridade ministerial; Koldo García actuaba como a súa “man dereita” para as xestións; e Aldama identificaba oportunidades de negocio, pagando comisións para manter aberta a porta do ministerio.

A investigación sitúa o inicio deste plan no ano 2019 e destaca o uso dos contratos de máscaras durante a pandemia como o golpe central da trama. O Supremo subliña que as adxudicacións a empresas vinculadas a Aldama desde organismos como Puertos del Estado e Adif non foron froito da emerxencia sanitaria, senón dun “acordo previo” entre os implicados para favorecer ao empresario.

Dádivas, luxo e uso de recursos públicos

O tribunal fixou un patrón de conduta baseado no enriquecemento persoal a costa do cargo público. Entre as probas recollidas na sentenza figuran:

  • Pagos mensuais: O tribunal considera probado que Aldama abonaba 10.000 euros ao mes a través de Koldo García para cubrir “gastos fixos” de Ábalos.
  • Inmobles e alugueres: A trama facilitou o uso gratuíto de vivendas de luxo en Marbella e La Línea de la Concepción para o exministro e a súa familia, ademais do aluguer dun piso en Madrid.
  • Contratacións irregulares: A sentenza acredita que dúas coñecidas de Ábalos foron contratadas por empresas públicas como Ineco sen desempeñar traballo algún, chegando o exministro a viaxar con elas sen permiso oficial.

A resolución xudicial é contundente ao afirmar que esta forma de proceder provocou un “grave deterioro da confianza cidadá” e “socavou a arquitectura democrática do Estado”. Ademais das penas de cárcere, os condenados deberán indemnizar a empresas públicas polas irregularidades detectadas.

Este xuízo, que se celebrou entre abril e maio deste ano, deixa o antigo home forte do Executivo de Sánchez no centro dunha trama que utilizou a estrutura ministerial para obter un “común beneficio económico”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS