O Concello do Porriño presentou esta mañá, na canteira de LR Natural Granite en Atios, a súa proposta expositiva para a feira internacional Stonegal 2026, que se celebrará no IFEVI do 17 ao 19 de xuño. Así, segundo desvelou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a presentación, o Concello porá a disposición das empresas locais un stand institucional de xeito gratuíto, co obxectivo de facilitar a súa participación na feira.
“O Porriño non se entende sen a súa pedra, e este stand gratuíto é unha ferramenta directa para que o noso tecido empresarial brille e siga crecendo no mellor escaparate posible”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, engadindo que “participar en Stonegal reafirma o noso papel como motor deste sector en Galicia”.
Así, baixo o lema “o noso granito, orgullo e memoria”, presentou a imaxe deste stand no que convive, igual que no Porriño, a pedra natural da canteira coas obras máis emblemáticas de Antonio Palacios e incluso novas obras realizadas con granito no
municipio. Ese lema está nunha das paredes do stand. A outra versa: “Antonio Palacios escríbese en pedra”, que é tamén o nome do certame recentemente celebrado no municipio onde a canteiría cobra vida.
Durante o acto interviron tamén Carlos Manuel Martínez Nogueira, concelleiro de Industria do Porriño, que foi o encargado de abrir o acto situando a importancia estratéxica do apoio municipal ás empresas locais. Dende Stonegal, foi Alejandro Miras, o seu director, o que debullou os obxectivos e as grandes expectativas desta edición 2026 da feira internacional. José Antonio Lemos, Presidente do Clúster do Granito, destacou a fortaleza e a capacidade de innovación do sector produtivo, e Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, subliñou o peso estratéxico da minaría sostible na comunidade e o apoio do goberno galego.
Stone Gala
Coa colaboración do Concello do Porriño celebrarase tamén a Stone Gala, unha gala de entrega de premios que terá lugar o 18 de xuño nunha das canteiras do municipio. A gala combinará o simbolismo do lugar coa posta en valor da pedra como material de futuro.

