HomeNewsActualidadeAs universidades galegas defenden á CIUG e sinalan á Xunta polos erros...

As universidades galegas defenden á CIUG e sinalan á Xunta polos erros na Selectividade

Os reitorados da USC, UDC e UVigo aseguran que propuxeron cambios na normativa hai dous anos para evitar fallos humanos, pero que a Consellería de Educación nunca respondeu

A tensión entre o Goberno galego e as universidades pola organización da selectividade (PAU) 2026 estala de xeito definitivo. Tras as críticas da Xunta pola mala xestión das probas, os reitorados das tres universidades públicas galegas emitiron este martes un comunicado conxunto no que pechan filas arredor da CIUG —o organismo que coordina os exames— e lembran que a Xunta ten responsabilidade directa no proceso.

Segundo detallan as universidades, a CIUG non é un órgano independente da administración, senón que ten unha representación equilibrada ao 50% entre as universidades e a Consellería de Educación. Ademais, sinalan que nos grupos de traballo que redactan os exames participan profesores designados pola propia Consellería e docentes de secundaria.

Unha proposta de cambio “sen resposta”

O punto máis crítico do comunicado é a denuncia de que o sistema actual de elaboración de probas está obsoleto. As universidades explican que a normativa que rexe a PAU en Galicia data de 2011 e que, en xuño de 2024, remitiron formalmente á Consellería de Educación unha proposta para actualizala.

O obxectivo dese cambio era “minimizar posibles erros humanos” mediante a incorporación dunha segunda persoa na redacción dos exames de cada materia. Na actualidade, por motivos de seguridade e para evitar filtracións, o exercicio elabórao unha única persoa, o que, a xuízo das universidades, aumenta o risco de erros. Tal e como informan, esta proposta trasladouse de xeito “formal e reiterado” en varias reunións co departamento que dirixe Román Rodríguez, “sen que se recibise resposta por parte da Consellería”.

Un modelo “sólido” que pide reformas

A pesar das incidencias rexistradas nesta convocatoria —que afectaron polo menos a catro materias, segundo as denuncias, aínda que o comunicado universitario só menciona dous casos específicos, Debuxo Técnico e Historia de España—, os reitores defenden que o modelo galego é “sólido e fiable” e que non sufriu filtracións dende 1993.

Con todo, recoñecen que os erros deste ano deixan claro que a orde de 2011 debe actualizarse. Por iso, os reitores anunciaron que os seus delegados na CIUG volverán enviar a proposta de reforma á Administración autonómica coa intención de que as melloras se implementen xa para a próxima convocatoria.

Pola súa parte, tanto o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivéronse na súa postura de reclamar responsabilidades aos organizadores, insistindo en que o Goberno galego non ten competencias na organización técnica das probas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS