O Concello de Allariz e a Asociación Amigos da Pasarela Solidaria Allariz, convocan un ano máis ao comercio, á hostalaría e á veciñanza do municipio a participar no certame de decoración co que se conmemorará e reivindicará o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, o vindeiro 28 de xuño.
Esta iniciativa, que acada xa a súa terceira edición, ten como obxectivo darlle visibilidade á diversidade e facer de Allariz “un espazo aínda máis acolledor, respectuoso e comprometido cos dereitos de todas as persoas”. A través da creatividade e da simboloxía do Orgullo, búscase implicar a toda a sociedade local para reflectir os valores comunitarios de convivencia, igualdade e liberdade.
Categorías abertas
O certame está aberto a todo o municipio e dividirase en tres modalidades: escaparates, interiores e balcóns/ventás. As categorías de “escaparates” e “interiores” están pensadas para locais de hostalaría e comercio; a de “balcóns e ventás” para a veciñanza en xeral.
As persoas e establecementos participantes terán total liberdade para empregar elementos decorativos e artísticos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. Á hora de elixir as propostas gañadoras, valoraranse os aspectos decorativos cunha nota do 1 ao 5. O xurado, composto por profesionais das artes e do escaparatismo e por unha persoa representante do Concello, puntuará especialmente a orixinalidade, a mensaxe de inclusión e, de xeito moi destacado, a utilización de materiais de refugallo, apostando pola sostibilidade.
As decoracións teñen que estar totalmente montadas o día 20 de xuño ás 12:00h e deberán permanecer expostas ata o 8 de xullo.
Para formalizar a participación, as persoas interesadas deben enviar unha fotografía da súa decoración antes das 12:00h do propio 20 de xuño ao correo electrónico: igualdade@allariz.gal.
No caso da categoría de balcóns e ventás (participación particular), a través das imaxes recibidas farase unha selección de tres propostas finalistas, que serán as que reciban a visita do xurado.

