HomeNewsActualidadeO Ministerio de Vivenda esixe á Xunta que clausure máis de 4.400...

O Ministerio de Vivenda esixe á Xunta que clausure máis de 4.400 pisos turísticos “ilegais” en Galicia

A ministra Isabel Rodríguez remitiu unha carta á Consellería de Vivenda instando a actuar contra o fraude en alugueiros de curta duración tras a sentenza do Tribunal Supremo

A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, trasladou á Xunta de Galicia a necesidade de realizar unha inspección masiva das vivendas turísticas na comunidade. A través dunha carta enviada á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, o Ministerio reclama ao Goberno galego que proceda á “inspección, sanción e clausura” de máis de 4.450 aloxamentos que, segundo o rexistro único estatal, operarían nunha situación de fraude e ilegalidade.

Rodríguez sinala que, malia “acatar” a sentenza do Tribunal Supremo que devolve ás comunidades a competencia exclusiva sobre os rexistros de aloxamentos turísticos, a Xunta non pode eludir a súa responsabilidade. Na misiva, a ministra qualifica de “insuficiente, cando non inexistente” a vixilancia exercida ata o momento pola administración autonómica sobre o mercado de curta duración.

A “insuficiencia” da declaración responsable

O Ministerio argumenta que o modelo actual, baseado na declaración responsable como único requisito para inscribir un piso turístico, demostrou ser ineficaz. Como proba, a ministra pon o foco en cidades como Santiago de Compostela, onde o volume de solicitudes supera con creces as licenzas concedidas polo concello, evidenciando que moitos pisos operan sen cumplir a normativa municipal.

“É incoherente manter un discurso de que é necesario construír máis vivenda para baixar os prezos e, ao mesmo tempo, permitir que 4.400 pisos estean en situación de fraude”, asegura Rodríguez. Para o Goberno central, a solución pasa por unha revisión real dos rexistros autonómicos para excluir aquelas vivendas que non cumpren coa lei.

“Imos estar moi vixiantes”

Na parte final da carta, a titular de Vivenda deixa un aviso directo á Xunta: “Imos estar moi vixiantes”. A ministra advirte que o Executivo estatal monitorizará que a Xunta adopte as accións oportunas para evitar o fraude e garantir que non se vulnere o dereito á vivenda da cidadanía.

Rodríguez remata o texto apelando á responsabilidade do Goberno galego e confiando en que “collan o camiño correcto” para poñer fin a unha situación que, segundo o Ministerio, está a distorsionar a oferta de alugueiro residencial na comunidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS