HomeNewsActualidadeA biblioteca do Porriño será punto de encontro para intercambio de...

A biblioteca do Porriño será punto de encontro para intercambio de cromos todos os xoves

A Biblioteca Municipal do Porriño busca seguir consolidándose como un punto de encontro para a veciñanza e, neste caso, tamén para as persoas afeccionadas ao coleccionismo. Por iso, a partir do xoves 3 de setembro, organizará quedadas de intercambio de cromos todos os xoves, de 18:00 a 19:00 horas.

A proposta nace coincidindo co comezo da nova tempada futbolística, polo que os cromos de fútbol serán previsiblemente protagonistas das primeiras xuntanzas, tanto polas novas coleccións como polos álbums que aínda quedan por completar. Con todo, a iniciativa está aberta a todo tipo de cromos, desde Pokémon ou Marvel ata protagonistas de debuxos infantis e outras coleccións.

O obxectivo é ofrecer un espazo no que a cativada, a mocidade e tamén as persoas adultas poidan compartir a súa afección, coñecer outros coleccionistas e intercambiar cromos repetidos polos que lles faltan, sempre nun ambiente distendido e amigable.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, asegura que estará nesa primeira quedada e sinala que “queremos que a Biblioteca Municipal sexa un espazo vivo e aberto a todo tipo de actividades e intereses da veciñanza”. Neste sentido, destaca que “unha iniciativa tan sinxela como intercambiar cromos pode converterse nunha estupenda oportunidade para compartir, relacionarse e facer da biblioteca un novo punto de encontro”.

As quedadas comezarán o vindeiro xoves 3 de setembro, e a partir desa data, celebraranse todos os xoves do ano, mantendo o horario de 18:00 a 19:00 horas. 

A participación estará baseada exclusivamente no intercambio de cromos, quedando prohibida a compra ou venda dos mesmos. Pídese que os menores estean tutelados. A actividade está dirixida á cativada, mocidade e persoas afeccionadas ao coleccionismo, coas condicións de participación establecidas pola Biblioteca Municipal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS