O mercado laboral de Vigo consolida o seu crecemento económico nos últimos anos, reflectindo marcas históricas de afiliación e un incremento xeralizado das retribucións brutas. Tal e como publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE), o primeiro trimestre de 2026 pechouse na cidade olívica con 96.793 cotizantes, o que supón case dous mil contribuintes máis que o ano anterior e un 8% por riba das cifras rexistradas en 2022. Neste escenario de recuperación, o salario medio mensual sitúase xa nos 2.311 euros brutos, experimentando un notable incremento de 400 euros respecto ao nivel rexistrado hai catro anos.
Esta evolución positiva do emprego en Vigo tamén atinxió meses atrás un fito histórico de afiliacións á Seguridade Social, que acadaron as 121.234 persoas o pasado mes de maio, culminando un proceso de recuperación sostida a longo prazo que deixa atrás definitivamente o chan acadado no ano 2014.
A persistencia da brecha salarial entre sexos
Aínda que os datos globais amosan unha tendencia favorable, a radiografía laboral de Vigo evidencia que a recuperación non reduciu por igual as desigualdades entre colectivos. Un dos aspectos máis destacados polo informe do IGE é a vixencia dunha clara brecha de xénero nos salarios.
Aínda que as mulleres constitúen a maioría dos cotizantes e experimentaron un maior crecemento na súa incorporación laboral durante os últimos catro anos, as súas bases medias de cotización continúan situándose por debaixo das masculinas. De acordo coas cifras do primeiro trimestre de 2026, os homes cotizaron de media por 2.483 euros mensuais, mentres que a base das mulleres quedou nos 2.149 euros. Esta diferencia de 334 euros demostra que a suba xeral dos salarios e a creación de emprego aínda teñen pendente pechar a desigualdade entre ambos sexos.
Asimetría entre a base traballadora e a cúspide profesional
O informe tamén afonda na estrutura interna do mercado de traballo vigués, constatando unha asimetría evidente entre a base e a cúspide dos grupos profesionais. A gran maioría dos postos de traballo concéntranse nos escalóns retributivos máis baixos.
En concreto, preto de 60.000 cotizantes encuadranse nos grupos de oficiais, especialistas e peões, cunha base media mensual que apenas alcanza os 1.879 euros. A estes súmanse outros 45.407 empregados adscritos a labores administrativas e auxiliares, cuxa retribución media se sitúa nos 1.987 euros. No extremo opuesto da pirámide laboral, os 16.568 traballadores integrados por enxeñeiros, licenciados e persoal de alta dirección desfrutan dunha base media que ascende ata os 3.590 euros mensuais, evidenciando que as remuneracións máis elevadas continúan recaeindo nunha minoría.
O impacto da idade nos ingresos mensuais
A idade constitúe outro dos factores determinantes na cuantía salarial que perciben os vigueses. No extremo máis desfavorecido atópanse os traballadores máis novos: os menores de 29 anos configuran un dos grupos máis numerosos, con 13.809 mozos, pero son á súa vez os que menos cobran, cun salario bruto medio que roza os 1.591 euros.
Pola contra, as maiores retribucións concéntranse na franxa de mediana idade. O tramo de entre 50 e 54 anos alcanza unha base media de 2.578 euros —superando en 160 euros a media autonómica— cun total de 14.877 cotizantes. Este grupo só é superado en volume demográfico polos adultos de entre 45 e 49 anos, que suman 15.574 persoas. Curiosamente, os maiores de 60 anos pechan a táboa cunha base media que se sitúa mil euros por riba do colectivo xuvenil.

