O AECT Río Miño, en colaboración coa Seixas Invest, organiza no mes de setembro no Porriño o curso de iniciación “Pesquisa e Utilización de Dados Estatísticos com Intelixencia Artificial”. Esta formación, cunha duración total de 5 horas, está deseñada para ensinar o uso práctico de ferramentas de IA no acceso, tratamento e análise de datos estatísticos do territorio.
No Porriño, a formación estará impartida polo docente Andrés Mazaira, da Universidade de Vigo. Terá lugar no CIE do Polígono A Granxa os 17 e 18 de setembro, de 10:30 a 13:00 h. Haberá ademáis unha sesión en en Valença os días 15 e 16 de setembro na Biblioteca de Valença (de 09:30 a 12:00 h, hora portuguesa), impartidas por Rui Pereira e Maria José Gonçalves do Instituto Politécnico do Porto.
As inscricións poden facerse de xeito gratuíto enviando un correo a geral@aectriominho.eu.
“Para O Porriño é unha satisfacción volver ser sede dunha iniciativa formativa de vangarda, neste caso da man da AECT Río Miño e no marco da colaboración transfronteiriza co norte de Portugal”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicando que “a intelixencia artificial xa non é o futuro, é o presente, e ofrecer aos nosos veciños, profesionais e empresas ferramentas para a análise e xestión de datos estatísticos é clave para impulsar a competitividade e o desenvolvemento do noso territorio.””Celebrar esta formación nas instalacións do CIE do Polígono da Granxa demostra, unha vez máis, o noso compromiso con converter O Porriño nun punto de encontro de innovación, formación de calidade e cooperación entre ambos lados do Miño. Agradecemos á AECT Río Miño e á Universidade de Vigo o seu traballo para facer posible este curso gratuíto e aberto a toda a cidadanía.”
Esta iniciativa forma parte do proxecto REDE_GOV_MINHO (Rede de Gobernanza do Río Miño Transfronteirizo) e atópase encadrada nas actividades do Barómetro do Río Miño para a consolidación da rede de coñecemento local. O proxecto conta coa cofinanciación do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

