HomeNewsActualidadeCasa Mariano gaña a ruta Pinchoterra coa súa tortilla "Mar e Terra"

Casa Mariano gaña a ruta Pinchoterra coa súa tortilla “Mar e Terra”

O local de restauración “Casa Mariano” ubicado na parroquia de Fiolledo, en Salvaterra de Miño, vén de acadar o primeiro premio no concurso de petiscos da III Ruta Pinchoterra organizada polo Concello e os establecementos de hostalería da vila.

A III Ruta Pinchoterra rematou este ano con récord de asistentes cun total de máis de 25.000 pinchos vendidos entre os 24 locais participantes.

Con todo, este luns tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Salvaterra de Miño o reconto dos votos realizados polos consumidores, onde elixían o seu petisco favorito. Como resultado da votación, o primeiro premio foi para Casa Mariano, en Fiolledo, co pincho “Tortilla mar e terra”; o segundo para Templum Sensibus, en Salvaterra, co pincho “Pastramiño”; e o terceiro para La Ojiva Espacio Gastronómico, en Leirado, co pincho “Mamma mía”.

Os establecementos premiados recibirán o seu diploma e Casa Mariano, como mellor proposta desta terceira edición, gaña unha experiencia dunha noite con almorzo e spa para dúas persoas.

A maiores, tamén tivo lugar o sorteo dos 39 premios cos que contou a iniciativa, que consistían en 24 agasallos aportados polos establecementos participantes, 10 bonos para o Espazo Termal de Teáns Oleiros e un primeiro, segundo, terceiro, cuarto e quinto premio de 200, 100, 75, 55 e 50 euros, respectivamente, para consumir nos establecementos participantes da ruta.

Os e as gañadoras dos sorteos da ruta serán contactados para recoller os seus respectivos premios e publicados na páxina web da campaña “nos vindeiros días”, segundo informan dende o goberno local.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS