Xoves, Abril 23, 2026
HomeNewsActualidadeTui impulsa un novo obradoiro dual deemprego para avanzar na senda do...

Tui impulsa un novo obradoiro dual deemprego para avanzar na senda do Miño

Tui impulsa un novo obradoiro dual de emprego para avanzar na senda do Miño e formar a 20 persoas en sectores con alta demanda. O Concello de Tui vén de recibir a resolución favorable do Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo) pola que se concede a realización do obradoiro dual de emprego “SENDA RÍO MIÑO: TRAMO SAN MARTIÑO”.

Este proxecto, cunha duración de 9 meses e inicio previsto para o 1 de xuño de 2026, permitirá avanzar nunha actuación considerada estratéxica para o municipio: a execución dun novo tramo da senda do río Miño que dará continuidade ao itinerario existente e permitirá conectar o concello de Tui co concello de Tomiño a través da parroquia de Areas. Trátase dun paso clave na consolidación dun corredor natural, ambiental e turístico de primeiro nivel na contorna do Miño.

Dende o punto de vista da formación e o emprego, o obradoiro dual supón unha oportunidade directa para 20 persoas desempregadas, que recibirán cualificación profesional en dúas especialidades cunha elevada demanda no mercado laboral: AGAR0309 Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e MAMD0209 Traballos de carpintería e moble. Cada especialidade contará con 10 alumnos e alumnas, que combinarán formación teórica con prácticas profesionais reais vinculadas ao propio proxecto.

Ademais do alumnado, o programa implicará a contratación do correspondente equipo directivo e docente, reforzando así o impacto positivo da iniciativa en termos de xeración de emprego e dinamización económica local.

A concelleira de Emprego, Ana Núñez, destaca que “este obradoiro dual é unha oportunidade real para aprender facendo, adquirindo competencias profesionais en sectores con saída laboral ao tempo que se contribúe á mellora dun espazo estratéxico para o noso territorio como é a senda do Miño”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS