domingo, agosto 10, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta lanza o Bono Peixe: Ata 50 euros de desconto para...

A Xunta lanza o Bono Peixe: Ata 50 euros de desconto para mercar produtos do mar

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta mañá de que o Consello aprobou a orde para a posta en marcha do «Bono Peixe». Segundo explicou o mandatario galego, trátase «dunha medida pioneira que ofrecerá ata 50 euros para a compra de peixe e marisco fresco nos establecementos adheridos da comunidade». Con esta iniciativa, o Goberno autonómico busca incentivar o consumo de produtos galegos, «que son sinónimo de excelencia e calidade».

Esta medida nace no contexto dun descenso progresivo da presenza dos produtos pesqueiros na cesta da compra a nivel nacional, europeo e mundial, e do cal Galicia non é allea. A Xunta busca así facer un «chamamento de atención» sobre esta situación e promover hábitos de consumo saudables, dadas as calidades nutritivas e os beneficios para a saúde destes alimentos. Ademais, o Bono Peixe servirá para apoiar a actividade dos operadores comerciais minoristas, que xogan un papel esencial na seguridade alimentaria.

Para a posta en marcha desta medida, o Goberno galego mobiliza 2,5 millóns de euros, que permitirán a distribución de bonos por valor de 50 euros. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou a importancia de reforzar «a dieta atlántica» e poñer en valor «a despensa que temos nas rías galegas», un dos máximos expoñentes da «Galicia Calidade».

Como funciona o Bono Peixe?

Os bonos de 50 euros iranse liberando progresivamente a razón de 5 euros por semana, con descontos do 25% da compra ata un máximo de 5 euros. O importe non gastado acumularase nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros e poderá gastarse ao longo de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito.

Tras o acordo do Consello e a selección da entidade colaboradora en xuño, esta medida que a Xunta califica como «pioneira» inicia a súa última fase de tramitación. A previsión é que a orde sexa publicada no Diario Oficial de Galicia o próximo 10 de xullo, abrindo ao día seguinte o prazo para a adhesión dos establecementos, máis de 1.600 na Comunidade.

Os establecementos participantes deben desenvolver a súa actividade comercial en Galicia, ben como persoas autónomas ou como establecementos autorizados, dados de alta nas epígrafes do IAE e no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa). A medida xa espertou o interese das principais cadeas de distribución e venda de peixe e marisco.

Impacto económico

Estímase que esta iniciativa poida alcanzar a un mínimo de 50.000 potenciais usuarios ata un máximo de 500.000, cunha estimación de 150.000 beneficiarios reais. Espérase que xere un impacto económico de, polo menos, 10 millóns de euros. A conselleira do Mar resaltou que «os bonos poderanse descargar a partir do 28 de xullo» dende a plataforma www.bonopeixe.gal ou na app móbil, dispoñible para Android e iOS.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS