O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta mañá de que o Consello aprobou a orde para a posta en marcha do “Bono Peixe”. Segundo explicou o mandatario galego, trátase “dunha medida pioneira que ofrecerá ata 50 euros para a compra de peixe e marisco fresco nos establecementos adheridos da comunidade”. Con esta iniciativa, o Goberno autonómico busca incentivar o consumo de produtos galegos, “que son sinónimo de excelencia e calidade”.
Esta medida nace no contexto dun descenso progresivo da presenza dos produtos pesqueiros na cesta da compra a nivel nacional, europeo e mundial, e do cal Galicia non é allea. A Xunta busca así facer un “chamamento de atención” sobre esta situación e promover hábitos de consumo saudables, dadas as calidades nutritivas e os beneficios para a saúde destes alimentos. Ademais, o Bono Peixe servirá para apoiar a actividade dos operadores comerciais minoristas, que xogan un papel esencial na seguridade alimentaria.
Para a posta en marcha desta medida, o Goberno galego mobiliza 2,5 millóns de euros, que permitirán a distribución de bonos por valor de 50 euros. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou a importancia de reforzar “a dieta atlántica” e poñer en valor “a despensa que temos nas rías galegas”, un dos máximos expoñentes da “Galicia Calidade”.

Como funciona o Bono Peixe?
Os bonos de 50 euros iranse liberando progresivamente a razón de 5 euros por semana, con descontos do 25% da compra ata un máximo de 5 euros. O importe non gastado acumularase nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros e poderá gastarse ao longo de 10 semanas ou ata que se esgote o crédito.
Tras o acordo do Consello e a selección da entidade colaboradora en xuño, esta medida que a Xunta califica como “pioneira” inicia a súa última fase de tramitación. A previsión é que a orde sexa publicada no Diario Oficial de Galicia o próximo 10 de xullo, abrindo ao día seguinte o prazo para a adhesión dos establecementos, máis de 1.600 na Comunidade.
Os establecementos participantes deben desenvolver a súa actividade comercial en Galicia, ben como persoas autónomas ou como establecementos autorizados, dados de alta nas epígrafes do IAE e no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa). A medida xa espertou o interese das principais cadeas de distribución e venda de peixe e marisco.
Impacto económico
Estímase que esta iniciativa poida alcanzar a un mínimo de 50.000 potenciais usuarios ata un máximo de 500.000, cunha estimación de 150.000 beneficiarios reais. Espérase que xere un impacto económico de, polo menos, 10 millóns de euros. A conselleira do Mar resaltou que “os bonos poderanse descargar a partir do 28 de xullo” dende a plataforma www.bonopeixe.gal ou na app móbil, dispoñible para Android e iOS.

