A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) vén de anunciar a alegación que realizaron contra o deseño da futura autovía Vigo-O Porriño A-52, xa que “se trata duha infraestrutura que, tal e como está proxectada, derivará indefectiblemente no aislamento do tecido industrial deste municipio” aseguran dende a organización.
A xunta directiva de AEMOS, reunida para concretar a resposta da entidade ao novo proxecto, recordou que a mellora das conexións viarias a distintos parques empresariais de Mos supón unha reinvidicación histórica da asociación, “unha demanda histórica que agora quedaría completamente anulada“.
O trazado suporía non só o descarte definitivo da mellora aos accesos a varios polígonos, como os de A Veigadaña ou Cebral, senón que implicaría un importante incremento dos costes loxísticos das empresas no concello e complicaría moito o movemento de traballadores”.
AEMOS recorda que a maior parte das compañías que operan no municipio “teñen uns vínculos tremendamente estreitos con Vigo, cun volume enorme de empregados que se desprazan cada día dende a cidade olívica ata Mos”.
De feito, recordan que o eixo Mos-O Porriño está considerado como “o pulmón industrial vigués” e trátase da “localización máis atractiva e desexada pola industria viguesa para a súa expansión”.
A directiva da asociación de empresarios mosense reitera estar completamente a favor de que Vigo teña unha mellor saída, pero conclúen que “iso non pode ser a causa de levarse adiante a costa de condicionar o futuro das nosas industrias”.
Ademais da mellora dos accesos aos polígonos, os empresarios defenden como unha prioridade a gratuidade do tramo da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño.
Co actual deseño da futura A-52, dende AEMOS aseguran que o tráfico pesado seguiría condenado a seguir empregando a perigosa A-55, sumado a que habería naves industriais que serían afectadas directamente por este novo trazado. Así, aseguran que ao menos “nove empresas cun cadro de persoal total de 250 traballadores situadas en Sanguiñeda desaparecerían“.

