A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) do Porriño inaugurou xa o seu tradicional Mercado de Nadal. Esta iniciativa solidaria ten como obxectivo recadar fondos para apoiar ás familias afectadas polo cancro. Este evento conta coa colaboración do Concello de Porriño e os comercios locais e estará aberto ao público ata o próximo 30 de decembro. Así mesmo, sitúase no número 68 da rúa Ramón González e conta cun horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
O Mercado de Nadal ofrece unha ampla variedade de produtos artesanais elaborados polas voluntarias da AECC, así como artigos doados xenerosamente polos comercios da vila. Todo o recadado será destinado á loita contra o cancro. Desta forma apoian a aqueles que se enfrontan á enfermidade e aos seus familiares, quen a miúdo atravesan momentos difíciles durante o tratamento.
Mari Palacín, presidenta da AECC do Porriño, destacou a importancia deste tipo de iniciativas. «Desde a AECC de Porriño, queremos achegar o noso gran de area para os enfermos e familiares desta terrible enfermidade. Facémolo con todo o noso agarimo e estamos encantados de recibirvos no noso Mercado de Nadal. Cada pequeno xesto conta e este mercado é unha forma de ofrecer esperanza e apoio a quen máis o necesita», asegurou a presidenta.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu apoio á AECC e ás súas iniciativas. «Este Mercado de Nadal é un exemplo claro do que significa a solidariedade no Porriño. Estamos moi orgullosos de poder colaborar e constatar que unión dos comercios locais, as voluntarias e as institucións é fundamental para que podamos seguir loitando xuntos contra esta enfermidade e ofrecer o apoio que necesitan os afectados», concluiu.