jueves, noviembre 7, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal sementa as bases para lograr unha sociedade máis igualitaria

O Rosal sementa as bases para lograr unha sociedade máis igualitaria

O Concello aposta pola educación afectivo-sexual crítica cun novo proxecto dirixido a alumnado, profesorado e familias para continuar revolucionando mentes

Plantar sementes para conseguir no Rosal unha sociedade máis igualitaria. Ese é o obxectivo do proxecto «SexoConSentido», unha serie de actividades dirixidas a alumnado, profesorado e familias . A iniciativa foi posta en marcha polo Concello ao abeiro de «Sementeira de Igualdade», un programa de educación e sensibilización. A súa finalidade é plantar sementes simbólicas que xerminarán en cambios positivos para seguir revolucionando mentes entre a sociedade rosaleira.

As aulas do CPI Manuel Suárez Marquier xa están a traballar nas primeiras actividades de «SexoConSentido». O programa recolle unha serie de accións para promover a educación afectivo-sexual dende unha perspectiva de xénero. Así mesmo, as actividades están baseada na igualdade e no respecto mutuo, abordando temas actuais como o impacto do pornografía ou o consentimento.

Como explica a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, “o camiño cara á igualdade comeza por unha educación non sexista nas familias. Non obstante, non vivimos illados e illadas da realidade e os centros educativos e o profesorado son axentes de socialización moi importantes na vida das e dos adolescentes. Por iso, con este programa de actividades buscamos crear unha rede de traballo con formación non só para o alumnado, senón tamén para familias e docentes”.

O proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra, busca tamén facilitar espazos onde tanto alumnado como familias e docentes poidan reflexionar abertamente. Estos debates serán sobre cuestións de xénero e sexualidade, desafiando os estereotipos e promovendo relacións respectuosas. Desta forma, danse novos pasos para crear unha sociedade máis reflexiva e crítica.

A actividades dirixidas ao alumnado arrancaron cunha charla participativa xeral celebrada o pasado 4 de outubro. Nesta reunión abordaron a sexualidade como sistema apreso, os mitos sexuais e a pornografía. Ademais, utilizaron ferramentas tecnolóxicas como Mentimeter para buscar a implicación, participación e interese do alumnado.

Posta en práctica do programa

O alumnado de 1º e 2º da ESO está a abordar cuestións relacionadas coas actitudes machistas presentes en moitas películas e series de anime a través de diferentes obradoiros de creación de manga, moi de moda entre a rapazada. Ademais de analizar de forma crítica os manga e presentar alternativas que promoven as relacións igualitarias, o alumnado tamén debe traballar en equipo para xerar ideas e crear personaxes que desafíen os roles de xénero e crear o seu propio manga. Entre os traballos presentados o Concello elixirá algunhas propostas para imprimilas e doar algúns exemplares aos propios centros educativos.

O alumnado de 3º e 4º da ESO traballará en diferentes obradoiros para tratar diversas cuestións dende unha perspectiva de xénero e a través de role-playing, proxeccións e reflexións guiadas. Algunhas das temáticas serán a construción da autoestima, a sexualidade, a influencia do xénero no desexo sexual, o consumo de pornografía e as súas consecuencias, a violencia sexual, o consentimento ou a empatía sexual.

O proxecto «SexoConSentido» contará ademais con sesións formativas específicas para familias. O obxectivo é desmitificar tabús arredor da sexualidade e o xénero e contribuír a previr a violencia machista promovendo relacións igualitarias e de respecto mutuo dende idades temperás. Nestas sesións, comentaranse os datos recollidos e recompilados no traballo realizado coa rapazada a través do Mentimeter, con información directa e real do alumnado rosaleiros sobre temas como o consumo de pornografía e a sexualidade.

Con estes mesmos datos, o profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier e do CRA María Zambrano participará no proxecto cunha sesión formativa. Nesta abordarán estratexias pedagóxicas para tratar temas actuais en educación afectivo-sexual. Por exemplo, o funcionamento de plataformas como Onlyfans e os perigos asociados ao consumo de pornografía en liña. Así mesmo, tratarán o seu impacto na construción de roles de xénero e nas relacións afectivo-sexuais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS