martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasNovo paso adiante para mellorar a N-550 no cruce do Tablado situado...

Novo paso adiante para mellorar a N-550 no cruce do Tablado situado en Mos

Hoxe aprobouse o expediente de Información Pública e definitivamente o Proxecto de Trazado: "Remodelación de intersección no Punto Quilométrico 148+650 da estrada N-550. Termo Municipal de Mos”

O Boletín Oficial do Estado, BOE, con data de onte 9 de outubro de 2024, acolleu o anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Neste publícase a Resolución do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible pola que se aproba o expediente de Información Pública e definitivamente o Proxecto de Trazado. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo mosense, José Ramilo, informaron hoxe deste paso adiante na «Remodelación de intersección no Punto Quilométrico 148+650 da estrada N-550. Termo Municipal de Mos”.

Ademais, con este novo paso cara a obra de mellora do denominado cruce do Tablado en Louredo, ordénase a redación do proxecto construtivo para a optimización da devandita intersección. Avance que os representantes municipais Arévalo e Ramilo valoran moi positivamente. Ademais, coa a publicación no Boletín Oficial apróbase o Expediente de información pública e definitivamente o Proxecto de Trazado: «Remodelación de intersección no P.K. 148+650 da estrada N-550. T.M. de Mos. Provincia de Pontevedra», cun orzamento estimado Base de Licitación (IVE incluído) de 582.432,27 euros. Ordénase que se redacte un proxecto de construción que dea cumprimento ás prescricións. Estas son o resultado da admisión de alegacións presentadas no procedemento de información pública.

Así mesmo, ordénase que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia dea traslado da presente Resolución. Esta debe ser segundo o disposto nos artigos 4 e 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. E, por último, ordénase que a Demarcación de Estradas leve a cabo os trámites necesarios para que a Resolución sexa publicada no Boletín Oficial do Estado. Este novo paso adiante chega tras da aprobación definitiva por parte de Fomento do proxecto de trazado para a intersección da N-550 en O Tablado.

Proxecto de vital importancia para a veciñanza da parroquia de Louredo e para Mos

Neste proxecto inicial de trazado existe consenso unánime favorable ao mesmo. Este acordo é tanto por parte da administración local como da veciñanza de Louredo. A rexedora local e edil de Urbanismo explicaron que “o obxectivo das obras de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo, polo que levamos anos loitando conxuntamente Concello e veciñanza para que se faga realidade pola perigosidade deste cruce, é trasladar a intersección actual uns 270 metros cara ao sur, para mellorar as condicións de visibilidade e seguridade viaria”.

“O obxecto do proxecto é a mellora da seguridade viaria da intersección non canalizada existente no p.k. (punto quilométrico) 148+650 da N-550, ao seu paso por Louredo, que conecta con núcleos existentes na marxe esquerda a través dun vial municipal. A actuación proxectada executará unha variante do vial secundario e disporá unha nova intersección con cuñas de incorporación e saída, carrís centrais de almacenamento e espera e posibilidade de cambio de sentido. A solución para o cruce de O Tablado era unha das demandas históricas comprometidos por Fomento en Mos e que levaban anos pendentes”, concluíron Nidia Arévalo e José Ramilo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS