domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeOs veciños e as veciñas que vivan preto dun parque eólico en...

Os veciños e as veciñas que vivan preto dun parque eólico en Galicia terán un 50% de desconto na luz

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, vén de adiantar que a RDG Comercializadora Galega de Enerxía venderá o 100% da enerxía a consumidores galegos, tanto particulares como empresas e industrias, «sempre a un prezo máis barato que o prezo de mercado», dixo, e que se poderán beneficiar dun desconto medio do 50% sobre o prezo do mercado no caso do vecindario que vive próximo ás infraestruturas de xeración renovable.

Nunha visita ás instalacións da sociedade Recursos de Galicia, en Santiago, Lorenzana adiantou que, no caso dos particulares, os primeiros beneficiarios destas condicións estarán nun radio próximo a onde estea instalado, por exemplo, un parque eólico, ou mesmo en concellos limítrofes. En canto ás empresas e industrias, explicou que o obxectivo é democratizar o acceso a un prezo eléctrico máis competitivo, para o cal a comercializadora ofrecerá contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) a todo tipo de empresas. «Queremos que poidan acceder a prezos máis baratos a través destas figuras de PPA coa comercializadora de RDG, desde os autónomos, ás pymes ou as micropemes, e non só as grandes industrias», apuntou.

Neste sentido, subliñou que canto antes se desbloquee o despregamento das renovables en Galicia, incluída a eólica mariña —que vai supoñer un salto cualitativo na xeración renovable—, máis se poderá ampliar o conxunto de beneficiarios que poidan acceder ás vantaxes desta nova comercializadora.

RDG, que en catro meses podería ter listos os trámites para a constitución da súa comercializadora, xa está negociando con operadores do sector a incorporación á compañía de volumes de enerxía que permitan iniciar operacións en 2025. Ao respecto, indicou que se está a traballar en fórmulas de adxudicación, que priorizarán, entre outras cousas, factores como o emprego por kWh ou o Valor Engadido Bruto (VAB) por kWh.

Única en España

A conselleira sinalou que o que diferencia á comercializadora galega doutras que xa están en funcionamento en España é a participación público-privada e o feito de que cubra toda a cadea, desde a produción ata a comercialización, e un conxunto de colectivos beneficiarios tan amplo, ao ser tanto particulares como pequenos autónomos, microempresas, pymes e grandes empresas. «Esta comercializadora é a primeira e a única en todo o Estado español», subliñou.

A RDG Comercializadora Galega de Enerxía é 100% titularidade de RDG, a sociedade na que participa a Xunta de Galicia xunto cun 70% de capital privado, recordou Lorenzana, que aludiu a RDG como un instrumento que será moi útil para a aplicación da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aproba este mes (Lei de Recursos Naturais).

Trátase dunha normativa, dixo, que, ao igual que vai facer a nova planificación eólica, regula a obrigatoriedade dos promotores de proxectos vinculados cos recursos naturais de Galicia a repercutir no territorio unha parte dos seus beneficios. E, nese sentido, desde o momento en que RDG poña en marcha esta comercializadora, calquera empresa asociada vai poder xustificar o cumprimento do establecido na lei.

Esta comercializadora galega de enerxía «é un dos tres instrumentos clave para a política enerxética do Goberno galego ao longo desta lexislatura: a propia Lei de Recursos Naturais; a planificación dos recursos naturais e nomeadamente a planificación eólica; e esta comercializadora», explicou.

Neste marco, a titular de Economía e Industria sinalou que «nosa política enerxética parte de dúas premisas: avanzar na autonomía enerxética, e que nese avance consigamos abaratar a enerxía dos fogares galegos e das industrias e empresas de Galicia», destacou. En definitiva, «estamos empregando unha política enerxética social; esta é a base que está na Lei de Recursos Naturais de Galicia, transformar o aproveitamento dos recursos naturais nunha riqueza social», dixo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS