sábado, diciembre 7, 2024
InicioNewsActualidadeA UIFO da Xunta identifica ao presunto autor de varios lumes en...

A UIFO da Xunta identifica ao presunto autor de varios lumes en Pontevedra

Os traballos de investigación e de vixilancia permitiron recadar probas suficientes para poñer a disposición xudicial ao presunto autor, veciño da parroquia de Ponte Sampaio en Pontevedra

Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, veñen de identificar o presunto autor de varios lumes no lugar de Vilar na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.

Ao tempo, procedeuse a trasladar o atestado ao Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que iniciou as dilixencias previas por delito de incendio forestal. Ademais, foi informada a Fiscalía especializada en incendios forestais de Pontevedra.

A UIFO detectou no lugar de Vilar unha alta actividade incendiaria, acadando ata seis rexistros de lumes nos últimos catro anos, provocados de xeito próximo ás vivendas dos lugares de Vilar e Rañadoiro. De feito, o último incendio rexistrouse o pasado 17 de agosto, afectando unha superficie forestal de case tres hectáreas.

Desta forma, fíxose necesario que os axentes ambientais da UIFO e do Distrito XIX intensificasen as pescudas e operativos de vixilancia co inicio da época de alto risco deste 2024.

Finalmente, o traballo de investigación e os operativos de vixilancia establecidos na zona permitiron recadar as probas indiciarias determinantes para poder identificar á persoa que presuntamente provocou os incendios forestais de xeito intencionado. O suposto autor é un veciño de Vilar que é un perfecto coñecedor da contorna.

Este labor dos axentes da unidade de investigación desenvolveuse en estreita colaboración cos axentes ambientais e persoal do dispositivo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS