domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeO MUMI, unha conexión entre as industrias culturais de Galicia e Portugal

O MUMI, unha conexión entre as industrias culturais de Galicia e Portugal

Máis de 250 axentes do sector participan esta fin de semana nos faladoiros, concertos e roldas de negocio onde se activarán as contratacións musicais da próxima temporada

O V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, MUMI, arrancou esta mañá coas primeiras actividades profesionais da edición e que terá lugar ata o domingo na Eurocidade Tui-Valença.

Un programa que contará con roldas de negocios, faladoiros e showcases nos que van participar, durante toda a fin de semana, máis de 250 profesionais co obxectivo de activar as contratacións musicais de cara aos próximos meses.

No acto de presetanción desta mañá, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, puxo en valor o papel do MUMI como escaparate onde cada temporada poidan presentarse as novas propostas da industria musical galega, que goza neste momento cunha excelente situación no mercado estatal.

O director de Industrias Culturais destacou tamén a importancia estratéxica deste encontro para o sector musical galego, “que ten en Portugal un territorio natural para internacionalizar as nosas músicas coa facilidade que supón a proximidade lingüística, cultural e xeográfica, que nos axuda a tecer sinerxías e que pode facer moito máis fortes e produtivas as industrias musicais de ambos países”.

Alianzas estratéxicas para o sector musical galego

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén celebrou a continuidade do acordo de colaboración iniciado na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, un dos mercados de referencia para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo.

Grazas a este intercambio, o MUMI presentará o sábado o traballo da banda catalá El Pony Pisador, co directo do seu novo álbum Ocells. A súa vez, a Fira recibirá en outubro, a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes da anterior edición do MUMI dentro da alianza entre os dous eventos.

Impulso ao talento emerxente

Jacobo Sutil remarcou tamén as sinerxías tecidas entre o MUMI e o programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Xunta e desenvolvido pola Fundación Paideia, que nesta edición levará á feira a French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas e Amoebo.

Estes proxectos beneficiarios de Sonemerxente participarán nas actividades de hoxe e de mañá como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical. Manterán reunións con axencias de management e booking e con programadores públicos e privados, e asistirán aos faladoiros e showcases.

O MUMI pechará o seu programa o domingo ao mediodía nas rúas da fortaleza de Valença co espectáculo para público familiar Guarda-Pedais, que sairá da praza da República.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS