lunes, octubre 14, 2024
InicioNewsA RaiaO MUMI chega mañá á Eurocidade Tui-Valença co mellor talento emerxente

O MUMI chega mañá á Eurocidade Tui-Valença co mellor talento emerxente

O V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal terá lugar entre o 12 e o 15 de setembro e será o escaparate para as novas tendencias musicais

A quinta edición do Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal comeza mañá, 12 de setembro, e perdurará ata o día 15. Durante as tres xornadas, a programación desenvolverase na Eurocidade Tui-Valença.

O MUMI preséntase de novo como escaparate das novas tendencias musicais, conxugando a súa dobre función de mercado para a industria musical como festival aberto ao público con propostas gratuítas a pé de rúa.

A profesionalidade con faladoiros e «speedmeetings»

En relación a súa parte profesional, o MUMI funciona como un punto de encontro de profesionais e empresas das industrias musicais de Galiza e Portugal que terán a oportunidade de intercambiar experiencias e coñecer tendencias do sector nos faladoiros programados o venres e o sábado na Zona PRO da feira situada na Escola Superior de Ciências Empresariais (ESCE) de Valença.

Entre os temas a tratar atópanse algúns como a produción de ciclos musicais, as claves para a creación de públicos e programacións estables máis alá dos macro festivais; as dinámicas e dificultades coas que traballan as salas de concertos; a forma de comunicar cultura en Galiza e Portugal; e unha palestra sobre management musical para falar do acompañamento de carreiras artísticas musicais e o posicionamento de artistas emerxentes.

Tamén na Zona PRO, organizaranse sesións de traballo dentro do espazo destinado aos speedmeetings ou encontros rápidos entre professionais, onde terán a oportunidade de coñecer proxectos e mesmo pechar datas de concertos de cara á programación da nova tempada.

Os «showcases» cos mellores artistas emerxentes de Portugal e Galicia

No programa de showcases, Galicia trae os directos de:

  • Alana: aberto para o público. Venres no Paseo da Corredoira ás 18;15 horas.
  • Ruxe Ruxe: aberto ao público. Venres no Paseo da Corredoira ás 19:05 horas.
  • Quico Comesaña: aberto ao público. Venres no Teatro Municipal de Tui ás 20:00 horas.
  • Su Garrido Pombo: só para profesionais acreditados. Venres na Zona PRO ás 12:30 horas.
  • Os D’Abaixo: aberto ao público. Sábado na Praça da República de Valença ás 17:15 horas.
  • Amoebo: aberto ao público. Sábado no Paseo da Corredoira ás 23:00 horas.

Pola súa parte, Portugal achegará as propostas como:

  • Cardo-Roxo: aberto ao público. Venres no Teatro Municipal de Tui ás 20:50 horas.
  • Surma: aberto ao público. Venres no Paseo da Corredoira ás 22:45 horas.
  • Rogério Cardoso: só para profesionais acreditados. Sábado na Zona PRO ás 12:30 horas.
  • Jhon Douglas: aberto ao público. Sábado na Praça da República de Valença ás 18:05 horas.
  • Miss Universo: aberto ao público. Sábado no Paseo da Corredoira ás 20:15 horas.

Ademais, dentro da colaboración iniciada na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, o MUMI recibirá a proposta da banda catalá El Pony Pisador. A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición en outubro a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre as dúas feiras, e grazas ao acordo de colaboración asinado entre a Fira e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

Estrea do primeiro documental sobre a zanfona

Tamén dentro da programación aberta ao público, o MUMI acollerá o sábado ás 18:00 horas no Teatro Municipal de Tui, unha importante estrea do cinema musical e documental galego desta tempada: Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición.

Trátase do primeiro documental realizado arredor deste instrumento, onde se analiza o seu papel simbólico nos movementos renovadores da música galega durante a década dos setenta.

Pódese consultar a guía completa sobre este encontro na web oficial ou pinchando aquí.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS