jueves, julio 18, 2024
InicioConcellos +ArboArbo remite á Xunta os acordos plenarios para a futura "Eurocidade do...

Arbo remite á Xunta os acordos plenarios para a futura «Eurocidade do Miño»

Arbo vén de remitir á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, os acordos plenarios de Arbo, A Cañiza, Crecente e As Neves para a tramitación da futura «Eurocidade do Miño».

A creación da “Eurocidade do Miño” ten o propósito de incrementar os beneficios de traballo en equipo entre as cinco institucións fomentando a coooperación entre paises veciños.

O inicio do expediente remóntase a abril de 2022, en plena Festa da Lamprea, asinábase a carta de amizade e á que asistiron os rexedores fronteirizos e representantes de diferentes institucións galegas. Nese momento, as autoridades resaltaron que a «Eurocidade do Miño» contaría cunha zona de influencia directa de, aproximadamente, 30.000 persoas sen contar o fluxo indirecto das zonas máis poboadas de Galicia como Vigo, Pontevedra e Ourense.

O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, destacaba que «a cooperación transfronteiriza é un dos medios máis eficaces con vista á aproximación das poboacións fronteirizas, suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras, a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural destas rexións e a promoción da amizade e paz, proseguindo os principios de cidadanía europea e dunha Europa máis conexa e sen fronteiras».

Os municipios de Arbo, Melgaço, As Neves, Crecente e A Cañiza son territorios
fronteirizos e limítrofes, que contan cun rico patrimonio natural, histórico e
cultural. O río Miño separa as localidades das terras lusas e, xunto co seu afluente o Deva, permite que terras galegas e portuguesas compartan unha fronteira natural única e parte das súas principais características xeográficas ou económicas. Desta forma, fomentaríase a cooperación entre elas, sen prexuízo da súa diferente estrutura política e administrativa.

Coa sinatura do protocolo aprobado, unha vez se obteña o informe favorable
do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, os cinco
concellos comprométense á colaboración e intercambio de información,
coñecementos e experiencias, especialmente, nas cuestións que afectan ao
deporte, cultura, patrimonio, promoción, emprego, política social e turismo, así
como a promoción de encontros, xornadas e eventos co obxectivo de potenciar
os coñecementos e as propostas que desenvolverían en común.

Unha vez asinado o protocolo e creada definitivamente a Eurocidade, o presidente da Camara de Melgaço ostentará á Presidencia por un ano, seguido de Horacio Gil como Vicepresidente. O segundo ano a Presidencia será para o Concello de Arbo. Entre as áreas de intervención da «Eurocidade do Miño» atópanse temas relacionados coa cultura, deporte, turismo, desenvolvemento municipal, recursos humanos, educación, política social, medio ambiente e gastronomía.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES